A organización considera que a vida dos participantes corre perigo pola "tensión política internacional".
A organización do rali Lisboa-Dakar decidiu anular a proba un día antes do seu comezo. Segundo explicaron dende a propia entidade, a causa é a ameaza terrorista que existe en Mauritania, onde estaba previsto que se correran oito etapas.
Os organizadores afirman que a “tensión política internacional” e a morte de catro franceses o pasado día 28 no Magreb son causas dabondo para non correr riscos. Ademais, sinalaron que tiñan constancia de ameazas directas contra a carreira.
A decisión está a ter unha ampla repercusión en todos os medios xa que é a primeira vez que se anula a mítica proba nas súas tres décadas de historia. A organización agarda recuperar o rali en 2009.
Poden ver as reaccións na prensa de Portugal (saída do rali): Público e Diario Digital.