Ao remate da primeira etapa, o piloto galego Fran Pallas quedou no posto 61 da categoría de motos, mentres que López Rivas ocupa a 135 en coches.
Este sábado arrancou a edición 2009 do rally Dakar, que desta volta percorrerá terras de Sudamérica. A primeira etapa, cun percorrido total de 371 quilómetros, partiu de Bos Aires, cun enlace de 196 quilómetros, e finalizou en Santa Rosa da Pampa, con outros 166 quilómetros de enlace.
A categoría de motos está liderada polo catalán Manel Coma, que completou a etapa en 2:46:17. O galego Fran Pallas ocupa a posición 61, a unha hora e 22 segundos do líder. En coches a primeira foi a parella formada polo qatarí Nasser Saleh Al Attiyah e a sueca Tina Thörner, dous minutos e 17 segundos por diante do vehículo de Carlos Sainz e Michel Perin.
A representación galega na categoría de coches, formada por Xosé López Rivas, con Joan Rubí como copiloto, acabou na posición 135, a 1:35:15 dos líderes.
No que se refire á categoría de quads, está encabezada, despois desta primeira etapa, polo francés Christophe Declerck, con catro horas e 16 segundos.
A etapa do domingo, a segunda do rally, desenvolverase entre Santa Rosa da Pampa e Puerto Madryn, cun total de 237 quilómetros.