As empresas promotoras precisan liquidez e apelan ao feito de seren un sector que xera unha gran cantidade de emprego, tanto directo como indirecto.
A construción é un dos sectores que está na mesma orixe da crise económica que atravesa o país e, para a Asociación de Promotores da Coruña (Aproinco), podería estar tamén na xénese da súa solución ou, cando menos, do seu amortecemento. Esta entidade reclama as mesmas axudas que reciben empresarios doutros eidos como, por exemplo, o da automoción. Así o di o seu secretario xeral, Xoán Xosé Yáñez, quen pide á Xunta que arbitre liñas de apoio económico a través do Igape. Para xustificar esta petición, o colectivo recorda que o da construción é o sector "que maior cantidade de empregos xera, tanto directos como indirectos como inducidos".
Construción en Galiza
O panorama que ofrece na actualidade é ben diferente ao que tiñamos en anos anteriores. Así o considera o profesor de Economía Aplicada e colaborador de Vieiros, Manuel González López, quen vaticina un importante cambio para o futuro:"nos últimos anos medrou o número de vivendas dun xeito desmesurado, que non se corresponde cunha verdadeira demanda social". Segundo a súa análise, este incremento debeuse a tres factores: dunha banda ao aumento da inmigración, que fixo crecer o número de persoas que aspiraban a ser propietarios; doutra banda, produciuse en Galiza nos últimos tempos un novo proceso de desruralización e crecemento urbano, que tirou para arriba da venda de pisos sobre todo nas grandes cidades; e en terceiro lugar, incrementouse a compra con interese especulativo, maiormente na costa, coa intención de conseguir un beneficio coa futura venda. Na actualidade estas necesidades están xa saciadas, polo que o previsíbel é que a construción de máis inmóbeis se torne innecesaria.
Así o demostran tamén os datos. Segundo o último informe que ofrecía o Observatorio Inmobiliario de Caixa Galicia, na actualidade hai máis de 30 mil vivendas rematadas que están aínda sen vender. Esta é unha referencia de vital importancia, xa que representa máis da metade da demanda potencial anual en toda Galiza. Mais as estatísticas non rematan aí, xa que tamén descendeu o número de visados nas zonas urbanas, que caeron un 30%. Así, Galiza converteuse na cuarta do Estado na que máis baixou o número de pisos construídos. Segundo datos do Ministerio de Fomento, entre xaneiro e setembro rematáronse 23.588, un 2% menos que os 24.087 do mesmo período do ano anterior.
A Lei de Vivenda non é solución para os promotores
Pola súa parte, o secretario xeral de Aproinco insiste en que "a economía non sairá da actual crise mentres o sector non volva a unha situación de normalidade". Neste sentido asegurou que medidas como o Plan Sectorial "non dan solucións a cuestións como os prazos ou o solo" e afirmou que a Lei de Vivenda de Galiza "está lonxe de resolver estes problemas, mais ao contrario, agravaraos".
Finalmente, recorda que a maioría das empresas que se adican á construción "son pemes, non grandes compañías" polo que agarda que a administración sexa "sensíbel" ás súas demandas.