A conselleira di que a norma fai efectivo o dereito ao seu acceso. PSdeG e BNG rexeitan a emenda á totalidade presentada polo PPdeG.
A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentou este martes no Parlamento o proxecto de Lei de Vivenda como unha medida "vangardista e de carácter social" que supón "o colofón" lexislativo nesta materia.
PSdeG e BNG déronlle o seu apoio ao proxecto de lei, votando en contra da emenda á totalidade presentada polo PPdeG, polo que segue o seu curso parlamentario. A popular Pilar Rojo criticou que se retirase a incompatibilidade da figura do alcalde-promotor, logo de que os socialistas "emendasen" o proxecto, e denunciou que invade competencias doutras consellarías.
Ademais, dende o PPdeG mostraron de novo o seu rexeitamento á parte da norma que estabelece o deber do propietario de conservar a vivenda en condicións de habitabilidade. De non ser así, a Xunta podería expropiar e rehabilitar os edificios baleiros e en ruínas para rehabilitalos e destinalos á bolsa de aluguer.
O socialista Luís Toxo e a nacionalista Carme da Silva coincidiron na conveniencia de reformar esta lei -que modificará a vixente dende 2003- para se adaptar ás esixencias dos novos tempos.
Neste senso, Teresa Táboas definiu o proxecto de "ambicioso, pero realista", e cun "marcado carácter social". Asegurou, ademais, que supón "un auténtico código de dereito á vivenda", que lle outorga rango de lei tanto á política de aluguer coma á de rehabilitación.
Plan Sectorial de Solo Residencial
Ademais, a petición propia, a conselleira presentou o Plan Sectorial de Solo Residencial, que prevé a construción de 45.600 vivendas protexidas a través de 95 actuacións distribuídas en 57 concellos.
A actuación suporá a transformación urbanística de 8,7 millóns de metros cadrados, que se complementarán coa "reserva de solo para zonas verdes, equipamentos e aparcadoiros públicos".
O plan, que sairá publicado no DOG esta semana, estará aberto durante dous meses a alegacións antes de que o aprobe o Consello.