Logo de meses de investigación, ve probas de delito no polémico acordo urbanístico asinado de xeito privado entre o Concello e o empresario Collazo Mato.
Un dos maiores empresarios do xogo en Europa, o coruñés Xosé Collazo Mato, e o alcalde de Aranga, Manuel Brañas Abad (PPdeG), protagonizan o que pode ser, se se confirman as sospeitas, un dos maiores escándalos urbanísticos dos últimos anos en Galiza. O Fiscal do TSXG Antonio Roma, especializado en casos urbanísticos, confirmoulle este luns a Vieiros que decidiu solicitarlle ao Xulgado de Betanzos que abra un proceso contra Collazo e a Brañas ao ver indicios dunha posíbel revelación de segredos para o enriquecemento.
O ministerio público, que investigaba o caso dende hai máis de sete meses, considera que o convenio privado asinado entre o empresario e o rexedor para recualificar tres millóns de metros cadrados (o 3% da superficie total do concello) é ilegal. Nese documento, que só coñecía o goberno local e o empresario, o Concello de Aranga (comarca de Betanzos) comprometíase a facilitar cambios urbanísticos para que Collazo puidese promover un macropolígono industrial e 744 vivendas. O escándalo era maior despois de que diferentes veciños denunciasen que venderan terreos a baixo prezo porque lles dixeran que era para construír un couto de caza e un campo de golf.
Logo de numerosas protestas veciñais, o alcalde decidiu aparcar a aprobación do PXOM. Pero, para daquela xa a Fiscalía lle tiña encargado a un grupo especializado da Garda Civil un informe sobre todo o sucedido. O rexedor sempre sostivo (ver entrevista en Vieiros) que a fin última da operación urbanística era mellorar as condicións dun municipio rural deprimido.
Un magnate do xogo metido a promotor
Aínda que para moitos o nome de Xosé Collazo Mato poida dicir pouca cousa, o certo é que un dos máis importantes empresarios do xogo de toda Europa. O que algúns cualifican de “home feito a si mesmo”, naceu en Bergantiños pero axiña marchou para A Coruña. Comezando practicamente de cero, Collazo Mato ergueu un auténtico imperio empresarial no que se inclúen casinos, bingos e salóns de recreativos en toda Europa e boa parte de América.
Nos anos 90, o empresario agora imputado pola Fiscalía diversificou os seus negocios e probou sorte no mundo da construción. Na Coruña promoveu grandes proxectos como a urbanización de Matogrande ou o Palexco. Hai pouco, en sociedade co antigo propietario de Fadesa, Manuel Jove, e o de Tecam, Xosé Souto, mercou os terreos da antiga subestación de Unión Fenosa na Grela, onde inicialmente está previsto que Ikea e Hipercor constitúan un centro comercial.
Con bos contactos na política local coruñesa, Collazo Mato tamén tivo algunha que outra sombra na súa próspera carreira empresarial. En 2005 o seu nome apareceu asociado na prensa mexicana ao tamén empresario ourensán Olegario Vázquez Raña nunha controvertida concesión de licenzas naquel país americano.
Vídeo de Vieiros sobre a recualificación (14/02/2008)
Protestas veciñais nun dos plenos en Aranga (27/02/2008)