Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA RECUALIFICACIÓN URBANÍSTICA

“Se ten cartos que os coma el, pero que non veña arruinarnos”

Veciños de Aranga acusan o goberno local de recualificar 300 hectáreas para favorecer a un empresario a conta das súas terras e mesmo de casas.

Lucía Iglesias (vídeo) / Ramón Vilar (texto) - 20:00 14/02/2008

En Aranga as reivindicacións teñen forma de sabas vellas e aparecen no lugar máis inesperado: “Abaixo o caciquismo rural. As nosas casas están en xogo”. Neste municipio da comarca de Betanzos, que conta con pouco máis de 2.200 veciños, o goberno local propón unha das maiores recualificacións urbanísticas de todo o Estado. O principal beneficiado do PXOM que se proxecta é un dos empresarios máis ricos e menos coñecidos de Galiza: Xosé Collazo Mato. O magnate coruñés, propietario de múltiples casinos, bingos e salas de xogo en todo o Estado, Europa e América, quere tres millóns de metros cadrados de terreos rústicos para promover un polígono industrial e 744 vivendas (un proxecto a 20 minutos da Coruña por autovía). A polémica estoupou ao saberse que o alcalde, Manuel Brañas Abad (PPdeG), e o empresario tiñan asinado un convenio dende hai máis dous anos para levar adiante este plan de costas aos veciños.

O rexedor xustifica o acordo como o único xeito de darlle un novo pulo ao municipio, que nas últimas década sufriu unha importante perda de poboación. Para iso confía nun empresario, que ademais de magnate do xogo, ten unha notábel experiencia no sector da construción. Nos anos 90 foi un dos principais promotores da cidade da Coruña; da súa man viñeron proxectos como o do selecto barrio de Matogrande ou o máis recente centro de ocio Palexco. Posteriormente en sociedade co ex propietario de Fadesa, Manuel Jove, e co dono de Tecam, Xosé Souto, mercou os terreos de Unión Fenosa no polígono da Grela, onde agora está previsto que se instalen as firmas Ikea e Hipercor. Mais Collazo atopa un forte atranco onde seguramente menos agardaba. Ninguén imaxinaba que o faraónico plan urbanístico mobilizase un municipio escasamente poboado e avellentado.

“O alcalde anda agochado como unha galiña”

A Fina Gómez trémelle a voz ao falar da polémica recualificación. Se esta sae adiante, a súa familia terá que deixar o fogar onde naceu e onde vive canda o seu home, Manuel Martínez, un fillo, unha nora e dous netos. Está indignada co goberno local: “Son uns covardes, por que non dan a cara? O alcalde anda agochado como unha galiña”. Este mesmo mes decatouse de que a súa casa e os quince ferrados de terra que a circundan, no lugar de Vilourís (Vilarraso), poden desaparecer nun abrir e pechar de ollos. O que máis lle doe é saber que no consistorio sabían o que podía pasar dende hai polo menos dous anos e ninguén lle dixo nada “de que preparaban este pelotazo”.

O mesmo opinan Delfina Roca e Xosé López, outro matrimonio do lugar d'A Castellana que se opón ao PXOM. Xosé sinala que os movementos especulativos xa principiaron hai preto de tres anos cando varios intermediarios da zona comezaron a mercar terreos. Primeiro dixéronlles que era para facer un couto de caza e tempo despois para un campo de golf. Segundo lle aseguraron a Vieiros, pagáronse auténticas miserias: 60 euros por ferrado (que en Aranga equivale a 436 metros cadrados). Posteriormente as cifras foron medrando segundo cada caso e chegaron nalgún até os 250 euros por ferrado. Outros afectados que prefiren non aparecer co seu nome sinalan que un intermediario, que identifican como “caciquiño do pobo”, ameazaba os propietarios con que se non vendían ían perder cartos porque “logo virían expropiar”.



E onde está a Xustiza?
Aínda que o empresario asegura que posúe o 51% dos terreos, cifra que precisa para que sexa válido o convenio urbanístico, os veciños dubidan de que isto sexa certo. A voceira da plataforma de afectados, Vanesa Deibe, subliña que agora os veciños están mirando cun avogado a validez dalgunhas vendas. Sospeitan que algúns montes que se mercaron son de mancomún. Outros pensan que é preciso que a Xustiza investigue todo o que rodea a recualificación, por se hai responsabilidades penais.

Esta mesma semana, o voceiro do BNG no Parlamento, Carlos Aymerich, subliñaba que “sería dificilmente entendíbel que non se investigue de oficio”. Porén, dende a Fiscalía do TSXG aseguráronlle a este xornal que aínda non hai ningunha dilixencia aberta, xa que estiman que polo de agora é unha cuestión administrativa. Mentres tanto, en Aranga os veciños penduran á beira das estradas as súas sabas vellas para denunciar que, no século XXI, o caciquismo aínda persiste.


5/5 (25 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: