Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
POLÉMICA RECUALIFICACIÓN

Os veciños de Aranga crían que vendían terreos para un "couto de caza"

O BNG denuncia que os propietarios venderon 300 hectáreas de terreos sen saber que se ía construír un macropolígono e 744 vivendas.

Redacción - 13:40 08/02/2008

Os veciños do municipio de Aranga aínda non se recuperaron da sorpresa. O goberno local aprobou a recualificación de tres millóns de metros cadrados de terreos rústicos que albergarán un macropolígono industrial e 744 vivendas. A promoción corre da man do chamado 'rei do xogo', Xosé Collazo Mato, un próspero empresario coruñés que posúe casinos e bingos por medio mundo. O empresario chegou a un acordo segredo co goberno local hai dous anos. Só os colaboradores máis estreitos do alcalde sabían que se estaba a negociar un dos maiores proxectos urbanísticos do país.

Agora o BNG sostén que o rexedor enganou os veciños para dar un “pelotazo” a costa da boa fe dos propietarios dos terreos. Segundo afirman os nacionalistas nunha nota de prensa, “moitos veciños foron vendendo de boa fe, ou mesmo por presións, os seus terreos baixo o engano de que o seu destino sería outro ben diferente e non urbanístico, como un couto de caza”. Segundo fontes consultadas por Vieiros, moitos veciños estaban sorprendidos por tanta compra de terreos, na que participaron activamente intermediarios locais. En ningún momento os vendedores souberon que os terreos ían ser recualificados como urbanizábeis. Quizais por iso, se dispararon os ruxe-ruxe no municipio: un campo de golf, un aeroporto...todo o mundo tiña unha teoría para o uso que se lle daría a 300 hectáreas de terreo.

Dende o BNG consideran que a Consellaría de Política Territorial ten que estudar detidamente o proxecto debido ás súas extraordinarias dimensións. Os militantes nacionalistas da localidade xa convocaron unha charla informativa cos veciños o vindeiro 10 de febreiro, ás 17 horas, no Polideportivo da Castellana.


4,86/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: