Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROTESTAS NO CONCELLO

Aranga: seis minutos para 'aclarar' unha recualificación de 300 hectáreas

Ducias de veciños acudiron até o pleno para denunciar que o 'pelotazo' tan só beneficia a un gran empresario coruñés.

Redacción / Lucía Iglesias (vídeo) - 20:00 27/02/2008

A democracia nalgúns municipios do rural galego é, cando menos, fugaz. O alcalde de Aranga, Manuel Brañas (PPdeG), presidiu este mércores un pleno que ventilou en só seis minutos. O rexedor deixou claro que a dialéctica política non era o seu. Nun pleno convocado para explicar un polémico convenio urbanístico, Braña limitouse a ler uns folios que traía escritos e acto seguido levantou a sesión sen deixarlle falar aos concelleiros do PSdeG e do BNG.


Ducias de persoas concentrábanse no consistorio para denunciar o que consideran un 'pelotazo' que prexudica os seus intereses. Se o convenio que asinou o rexedor e o empresario coruñés Xosé Collazo sae finalmente adiante canda o novo PXOM, o Concello de Aranga converterá tres millóns de metros cadrados rústicos en urbanizábeis. Collazo, un dos máis importantes empresarios do xogo de Europa, poderá levar a cabo o seu proxecto: un macropolígono de 250 hectáreas e 744 vivendas.

O alcalde desmentiu que o convenio se asinase en 2006. Segundo Braña, o acordo con Collazo incorporouse ao proxecto do PXOM en outubro de 2006. O alcalde mantén que en novembro dese ano informou á oposición (naquel entón composta só por concelleiros socialistas). O máximo mandatario de Aranga di que naquela xuntanza tamén estaban presentes representantes da Consellaría de Medio Ambiente polo que entende que “todos quedaron enterados naquel momento”. Porén, dende o PSdeG aseguran que non souberon nada do convenio até hai dous meses. Preguntado sobre as vantaxes que sacará o municipio co convenio limitouse a dicir que "o beneficio para o pobo está claro e ese foi o único obxectivo que busquei".

O alcalde abandonou a sala de plenos e pechouse no seu despacho logo de que algúnss veciños lle chamasen “ladrón”, “piollo” e “traidor”. Á saída do consistorio algúns dos afectados guindáronlle ovos.Fontes do PSdeG e do BNG de Aranga anunciaron que van forzar outro pleno extraordinario nas vindeiras semanas para que o rexedor dea toda a información a respecto do convenio. As forzas da oposición queren que o debate teña lugar nun pavillón público.


4,95/5 (19 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: