Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A carón do mar

Achan unha sauna castrexa na Mariña

Está en San Cibrao (Cervo), a carón dun xacemento que os veciños queren protexer da construción de dous edificios de perto dun cento de vivendas.

Redacción - 12:10 26/10/2008
Detalles do xornal El Progreso que informan do achado, o 12 xullo de 1974

Detalles do xornal El Progreso que informan do achado, o 12 xullo de 1974

En xullo de 1974 no transcurso dunhas obras na zona Atalaia, na vila de San Cibrao (A Mariña), nunha horta da chamada "a casa de Dorita", descubriuse un edificio soterrado na area. Debido á importancia do achado, naquela altura a denominada Dirección Xeral de Belas Artes, paralizou as obras e realizou unhas escavacións arqueolóxicas, crese que baixo a dirección de Manuel Chamoso Lamas. Aquelas escavacións foron visitadas polo Presidente da Deputación Provincial de Lugo o día 20 de xullo, e o xornal El Progreso recollía a noticia.

A aquelas páxinas de xullo do 74 acudiron os membros do colectivo Mariña Patrimonio, após ter oído, dos veciños, que naquela zona había un edificio, de forma rectangular, con escaleiras de acceso, bancadas nunha das salas, unha caste de fiestra, unha falsa bóveda de cuberta sobre a que descansaba unha laxe de granito de grandes dimensións, a existencia de túneles... Ao saber que o edificio podería estar soterrado aínda, e, polo tanto conservado, os membros de esta asociación acudiron a un arqueólogo, e describíronlle a construción. Segundo contan nun seu comunicado, "a resposta foi clara: estabamos describindo un tipo de construción castrexa coñecida coma monumento con forno, e tamén denominada pedra fornosa, sauna castrexa ou balneario castrexo".

Non é a primeira vez que os membros desta asociación atopan achados na mesma zona. De feito, o seu traballo na Atalaia, na vila de San Cibrao, comezou cando atoparon un xacemento castrexo de grandes dimensións, un castro, que unha construtora case esbandallara por completo ao comezar a poñer os alicerces de dous edificios de 100 vivendas. Meses máis tarde, dende a Mariña Patrimonio tamén informaban da aparición duns petróglifos de enorme interese, a poucos metros do castro.

A sauna castrexa
Segundo contan dende Mariña Patrimonio, estas construcións aparecen en moi poucos castros, e teñen carácter monumental. Son edificacións cun forno que cumprían a función de sauna-balneario e que seguen o mesmo modelo de situación e forma: atópanse nunha zona de acceso ao castro (a "horta de Dorita", onde podería estar a construción, está a poucos metros do castro da Atalaia), están semi-soterradas e contan cunha escaleira para acceder ás salas; son de planta rectangular, teñen varias estancias (vestíbulo, antecámara, cámara e forno), unha delas ten bancadas e todas están cubertas por unha falsa bóveda. A suposta xanela da que falan os veciños podería ser o oco que comunicaba a cámara co forno, e os túneles que sinalaban servirían para a condución da auga.

De haber na vila de San Cibrao un monumento con forno, sería o terceiro atopado en Galiza até o de agora. Na zona da Península na que, se coñece, perviviu a cultura castrexa (Portugal Asturias e Galiza), só se sabe da existencia de 16 balnearios castrexos, con este serían 17, mais o da Mariña ten a peculiaridade de que estaría moi ben conservado, xa que a bóveda que cobre a edificación podería estar aínda en pé.

Dende a asociación Mariña Patrimonio debido á importancia dos achados do xacemento da Atalaia, "ameazado pola especulación urbanística" agardan que se paralicen as obras e se anulen as licenzas de construción na zona, para "protexermos este valioso xacemento".


Ligazóns

5/5 (15 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



El Progreso recolle a visita do presidente da Deputación
El Progreso recolle a visita do presidente da Deputación
Zona na que foi atopado o monumento con forno
Zona na que foi atopado o monumento con forno
Na zona xa foron atopados uns petróglifos, con forma de cazoleta
Na zona xa foron atopados uns petróglifos, con forma de cazoleta
Parte escavada do castro de San Cibrao (clique para ampliar)
Parte escavada do castro de San Cibrao (clique para ampliar)
Zona esbandallada pola construtora, no castro de San Cibrao, antes de que se paralizasen as obras
Zona esbandallada pola construtora, no castro de San Cibrao, antes de que se paralizasen as obras