Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Denuncia en Cultura pola reanudación das obras

Seguen a escavar e esbandallar o castro de San Cibrao

As obras de construción de 42 vivendas na Atalaia de San Cibrao, en Cervo, continúan, malia prohibilas Cultura mentres non se inventaríe a zona completa.

Redacción - 10:00 08/12/2007
Unha imaxe do que foi aparecendo na zona na que queren construír / Imaxe: ADEGA

Unha imaxe do que foi aparecendo na zona na que queren construír / Imaxe: ADEGA

Xa informabamos en Vieiros de que as obras dunha construtora (Promociones San Ciprian SL), terminaran por esbandallar parte dun castro situado na zona da Atalaia, a carón do faro de San Cibrao, no Concello de Cervo (Lugo).

O concello tardara catro días en notificarlle ao construtor que tiña que suspender as obras, por orde da Consellaría de Cultura, e máis de 1.000 metros cadrados de castro foron estragados, e sacados, en pedazos, en camións que os levaron até unha entulleira na vila veciña de Xove. Até alí tiveron que se desprazar os técnicos de Patrimonio para inventariar os restos e descubrir o valor arqueolóxico do castro, xa destruído.

Debido ao atraso na paralización das obras (incumprindo o Concello de Cervo requirimento de Cultura), o Fiscal Xefe da Audiencia Provincial de Lugo abriu dilixencias no xulgado de Viveiro contra o Concello, considerado principal responsábel dos estragos feitos no xacemento.

Unha vez estragado o castro, Cultura deixou continuar as obras
O pasado 21 de novembro a Delegación Provincial de Cultura, coa xustificación de que as obras tiñan producido unha irreparable destrución do xacemento e de que "a causa dos traballos de remoción e baleirado realizadas no seu día incumprindo a paralización cautelar instada, xa non se conservan depósitos arqueolóxicos", deixoulles seguir coa construción, mais a condición de que a promotora presentase un proxecto arqueolóxico para a escavación da zona non afectada, onde aínda queren construír dous edificios máis.

Mais agora, segundo ADEGA, a empresa construtora seguiu a construír o primeiro edificio sen sequera comezar a cata do resto do xacemento, incumprindo as condicións de Patrimonio.

ADEGA tamén salienta, nun seu comunicado, que lles parece sorprendente que se a Xunta "lexitime a política dos feitos consumados", a pesares de estar os feitos no coñecemento do Fiscal Xefe da Audiencia Provincial, e de ter recoñecido a importancia dos achados arqueolóxicos localizados naquela entulleira. Ademais, tamén ven sorprendente que en ningún momento sen tentase anular a licenza municipal, outorgada sen sequera agardar pola cualificación dos feitos por parte do Ministerio Fiscal.

Estragaron e espoliaron un castro do que todo o mundo sabía
Ademais, segundo contan dende ADEGA, o castro que foi estragado na vila mariñá debera ser coñecido polo Concello de Cervo e pola propia construtora que terminou con parte del, posto que foi inventariado con data do 17 de abril de 2007 (e, ademais, viñan sendo frecuentes os achados de material castrexo en toda a zona). E, segundo denuncian os ecoloxistas, nin sequera naquela altura a Dirección Xeral de Patrimonio autorizou as obras que agora permite que continúen.


Documentos

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: