Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DELITOS CONTRA A HISTORIA

Na conservación do patrimonio: moitas agresións pero poucas denuncias

Cultura rexistrou o ano pasado un total de 485 demandas por agresións a pezas históricas. Mentres, a Fiscalía do TSXG avoga por sensibilizar sobre esta materia.

Redacción - 09:00 23/10/2008
En San Xoán de Barcela (Arbo) levaron hai un ano o San Roquiño

En San Xoán de Barcela (Arbo) levaron hai un ano o San Roquiño

Pontevedra foi a provincia que rexistrou máis denuncias xudiciais no primeiro semestre de 2008. Foron delitos como o roubo de tres imaxes de madeira dunha igrexa de Ponteareas, unha cruz e un cruceiro dun hórreo en Gondomar, xoias de prata de varias parroquias e dous arados antigos. Séguelle A Coruña, onde levaron un lenzo do século XVIII, cinco campás de bronce e dúas pías bautismais. En Lugo foron máis habituais os actos vencellados co vandalismo, como pintadas realizadas na catedral. Finalmente en Ourense rexistrouse o furto de dúas tallas ao tempo que se denunciaron danos ocasionados na catedral e as obras realizadas por un veciño dunha capela sen permiso. Fóra do ámbito penal, a Dirección Xeral de Patrimonio rexistrou en 2007 un total de 485 denuncias, das que 98 foron remitidas polas forzas de seguridade.

Ante estes datos, a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) manifestou o seu interese en sensibilizar á cidadanía para que afloren outras agresións que quedan sen denuncia. O fiscal xefe, Carlos Varela, asegurou que bota en falta máis demandas xudiciais sobre delitos ao patrimonio e apostou por concienciar sobre o tema ás asociacións e ás administracións, en especial, aos concellos. Como exemplo dos perpetrados en Galiza falou do caso das pezas precolombinas da Colección Patterson descubertas en Santiago de Compostela. Neste sentido, adiantou que a Fiscalía investiga os actos delituosos dos que ten coñecemento.

Protección do patrimonio
Doutra banda, a Consellaría de Cultura informou da sinatura dun procedemento operativo entre a Dirección Xeral de Patrimonio e a Dirección Xeral de Interior (que depende da Consellaría de Presidencia) que se traduce na incorporación da unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta á loita contra este tipo de danos e roubos de pezas históricas. Estes axentes axudarán aos técnicos da xunta na vixilancia e persecución das agresións, así como na paralización das obras. Ademais, dende este mércores Galiza conta cunha comisión de traballo encargada de definir os criterios de valoración económica dos danos ao patrimonio cultural.


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha das obras precolombinas que apareceron en Santiago de Compostela
Unha das obras precolombinas que apareceron en Santiago de Compostela
Recinto castrexo en San Cibrao afectado pola construcción de edificios / Imaxe: A. Rodríguez
Recinto castrexo en San Cibrao afectado pola construcción de edificios / Imaxe: A. Rodríguez