O PPdeG mostra o seu malestar coa decisión do ministerio público e fala de "anomalías" na investigación.
A Xunta xustifica as melloras na vía para mellorar a seguridade
Non hai indicios que fagan sospeitar de que houbo ilegalidades na adxudicación da Autovía do Barbanza. Iso é o que afirman dende a Fiscalía Superior de Galiza. Dende o ministerio público solicítanlle ao Xulgado de Instrución número 2 de Compostela que desestime a causa presentada polo PPdeG contra a Consellaría de Política Territorial.
A formación conservadora presentou no seu día unha querela porque entendía que podían terse delitos de prevaricación e de tráfico de influencias. No escrito, imputábase a dous directores xerais, un subdirector xeral e unha xefa de servizo da consellaría.
O PPdeG ve "anomalías" no proceso xudicial
O voceiro dos populares no Parlamento, Manuel Ruíz Rivas, sinalou que, aínda que “respecta” a decisión da Fiscalía, ve “anomalías neste proceso”. Segundo o PPdeG, as formas que utilizou a Fiscalía para a investigación foron estrañas. Como exemplo sinala que houbo tres fiscais distintos á hora de interrogar aos catro altos cargos de Política Territorial denunciados. Nas filas conservadoras tampouco gustou nada que a Fiscalía fixese un comunicado público sen antes trasladarlle ás partes a decisión.
Pero Ruíz Rivas foi máis aló ao dicir que non lle sorprende a decisión porque “aínda que o ministerio fiscal debe defender os intereses do Estado, moitas veces parece que defende os do Goberno”.