O bipartito rexeitara a puntuación elaborada por unha consultora das ofertas para o desdobramento da vía, e encargou unha nova, da que saíu escollida unha proposta 31 millóns de euros máis cara.
O Parlamento debaterá estre martes a proposta popular de abrir a de investigación. O grupo popular fala de "presións políticas" para que fose revisada a valoración de ofertas do contrato, de 300 millóns de euros e listo para adxudicar cando se produciu o relevo na Xunta, hai dous anos. Coa nova puntuación resultou beneficiaria Itinere, do Grupo Sacyr, principal accionista de Audasa. Segundo o PP, a manobra serviu para desbloquear as negociacións que liberaron as peaxes de Rande e A Barcala.
Pola contra, a revisión prexudicou á construtora San José, á que logo se lle adxudicaron os contratos da autopista Dozón - Ourense. O concurso para as obras foi convocado o 3 de marzo do 2005 pola Consellaría de Política Territorial, que daquela dirixía Feijoo. Foi contratada, por concurso público, unha asistencia técnica para valorar as ofertas presentadas. Catro meses despois, a empresa entregou o informe, e a construtora San José tiña a maior puntuación.
A Xunta, daquela en funcións, deixou pendente a concesión da adxudicación, para que se encargase dela o goberno entrante, pero Política Territorial, con María Xosé Caride ao fronte, paralizouna para revisar o proceso de valoración con criterios de seguridade ambiental e protección económica. En decembro dese ano informouse da contratación dunha nova asistencia técnica, e foi escollida a oferta do Grupo Sacyr.