Os populares demoraron a presentación da denuncia nos tribunais até as portas das eleccións xerais.
O PPdeG xa anunciara que levaría o asunto aos tribunais o pasado 30 de outubro despois de que socialistas e nacionalistas rexeitasen ata en dúas ocasións a creación dunha comisión de investigación sobre a adxudicación da autovía do Barbanza. O presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo, asegurou daquela que esperaba que os tribunais "acrediten" a orixe da sobrecusto de 30 millóns de euros do cal, segundo el, "saben tres persoas", en referencia a el mesmo, á conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride e ao presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
A confirmación de que o PP elevaría o proceso ao ámbito xudicial produciuse despois de semanas de cruces de acusacións entre Goberno e oposición pola suposta "prevaricación" que os populares detectan na concesión das obras a Sacyr, fronte á proposta da UTE encabezada pola construtora de Jacinto Rei á que a Xunta anterior outorgara o proxecto.
Do mesmo modo, o PPdeG denunciou que a titular de Política Territorial "participaba na empresa que fixo un informe ad hoc para conceder as obras a Sacyr e acusou o bipartito de "encubrir beneficios de empresas". Caride negou calquera "relación familiar, laboral ou persoal" con esa compañía e advertiu de que os servizos xurídicos da Xunta analizarían "as difamacións do PP" por se estas fosen constitutivas de delito.
Ademais, o PPdeG reprochou que o prezo que pagará a Xunta á empresa concesionaria por cada vehículo que pase pola autovía durante 30 anos será de 0,0326 euros, un 9,4% máis cara que a proposta de San José. Varios deputados populares compareceron en varias ocasións na sede da Consellaría de Política Territorial para consultar a documentación do proceso de adxudicación coa que, segundo afirmaron, argumentarán a denuncia.
O voceiro parlamentario do PPdeG, Manuel Ruiz Rivas, reafirmou este xoves a intención desta formación política de recorrer á Xustiza para esclarecer a revisión da adxudicación das obras de desdobramento da Vía do Barbanza que realizou o bipartito, e anunciou "novidades en breve".