Isaías Carrasco Miguel, de 42 anos de idade, finou no hospital unha hora despois de recibir varios disparos á porta da súa casa.
Fontes socialistas identificárono como Isaías Carrasco Miguel, de 42 anos de idade, quen fora un dos dous concelleiros do PSOE en Arrasate na anterior lexislatura. Fora na lista do PSOE no sexto lugar nos últimos comicios municipais. Na actualidade estaba retirado da primeira liña da actividade política e renunciara a levar escolta. Traballaba en Bidelan, a empresa que xestiona a autoestrada A8 en Euskadi.
Segundo as primeiras informacións recibiu catro tiros na caluga á porta da súa casa en Arrasate. Un testemuño recollido pola canle CNN+ no lugar asegura que Isaías Carrasco estaba nese momento en compañía da súa muller e da súa filla. Algunhas testemuñas presentes afirman que un individuo con barba postiza, presumibelmente membro de ETA, foi o autor material do asasinato. Unha segunda persoa agardaba por el no interior dun coche en marcha.
Malia que nun primeiro momento se comunicara que faleceu camiño do hospital, posteriormente o departamento vasco de Interior informou de que chegara vivo ao centro hospitalario, aínda que os médicos nada puideron facer para salvar a súa vida. Pouco despois das 15h certificouse oficialmente a morte do ex concelleiro.