O portavoz nacional do BNG afirmou que "onde estea Galiza, haberá unha condena á súa acción criminal".
O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana expresou, nunha comparecencia de urxencia, o pésame e a solidariedade do BNG con Isaías Carrasco, o ex concelleiro socialista de Arrasate asasinado este venres, e mais cos seus achegados e compañeiros de partido.
"ETA é unha banda criminal sen corazón e sen entrañas que só vale para sementar a morte e a destrucción", asegurou Quintana.
"Nun momento tan triste e tan dramático coma este, faremos o posíbel porque ninguén caia na tentación de empregar este asasinato con fins electoralistas de ningún tipo; facelo sería indigno e intolerábel. É o momento da unidade", salientou.
Ademais, o líder dos nacionalistas informou do contacto telefónico que mantivo co secretario de Organización do PSOE, Xosé Blanco, e co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, así como que estaba á espera de falar co presidente do PPdeG Alberto Núñez Feijoo.
Quintana conversou tamén con Íñigo Urkullu e Artur Mas, presidentes de PNV e CiU, aos que informou da decisión de suspender a campaña.
Tamén informou da presenza en Madrid do coordinador da Executiva Nacional do BNG, Francisco Jorquera, para representar ao BNG na xuntanza que ás 18.00 horas van manter os portavoces de todas as forzas políticas representadas no Congreso.
"ETA quere matar á xente, pero tamén alterar a democracia. O que queren é alterar a opinión da xente á hora de ir votar pola súa acción criminal. Non podemos permitir que consiga o seu obxectivo", dixo Quintana.
"Todos os que tiñan pensado ir votar, deben ir votar; e cada un debe votar o que tiña pensado votar, porque non podemos permitir que unha banda criminal altere a nosa vontade democrática", afirmou.
Por último, Quintana expresou o rexeitamento da violencia de ETA por parte dos galegos: "Onde estea Galiza haberá unha condena á súa acción criminal", dixo.