"Os terroristas nunca poderán cambiar a soberanía dos cidadáns, que se expresará o próximo domingo", afirman os socialistas galegos nun comunicado.
"O PSdeG trasládalles a todos os cidadáns a necesidade de que o próximo domingo manifesten o rexeitamento e a condena deste crime e a homenaxe a Isaías mediante a participación masiva nas eleccións", indican nunha mensaxe feita pública na tarde do venres.
O PSdeG-PSOE expresa en primeiro lugar o seu pésame aos familiares, amigos e compañeiros do ex-concelleiro socialista Isaías Carrasco "e transmítelles toda a súa solidariedade, cariño e afecto nestes momentos de inmensa dor".
"A banda terrorista ETA volveu cometer un acto criminal", láianse os socialistas, "O PSdeG-PSOE amosa a súa máis absoluta condena e a súa infinita repulsa ante o vil asasinato dunha persoa indefensa que se comprometera ao longo da súa vida coa democracia, os valores e principios que rexen a nosa convivencia pacífica".
"A banda terrorista ETA ten que saber que nunca conseguirá os seus obxectivos, que os demócratas, non nos renderemos ata que consigamos a súa total desaparición (...) A fin última dos asasinos de Isaías é ser detidos, xulgados e condenados a pasar moitos anos no cárcere", indican no comunicado.
Os socialistas reiteran que "o terror das pistolas non pode substituír a vontade dos cidadáns, a mellor resposta aos tiros son os votos, a libre manifestación da democracia". "Os terroristas nunca poderán cambiar a soberanía dos cidadáns, que se expresará o próximo domingo", din.