O pasado 30 de outubro Simón Márquez, Xosé Moreira e Xesús Montoiro ingresaban na cadea. Noventa días despois nada se sabe do indulto.
Xosé Manuel Bocija, secretario da Asociación de Veciños do Eixo, anuncia que nos vindeiros días volveranse facer ver e oír "para que en Madrid non se esquezan dos caso". Aínda que polo momento non haberá novas mobilizacións cidadás, si que pretenden levar a cabo outro tipo de iniciativas "aproveitando o Entroido".
Este martes cúmprense tres meses -case 100 días- do ingreso en prisión de Xosé Moreira, Simón Márquez e Xesús Montoiro, os 'tres do Eixo', e o indulto segue sen chegar.
"Xuntamos despois das festas do Nadal, para analizar con máis calma a situación", afirma Bocija, quen ademais asegura que o obxectivo da asociación nun futuro inmediato é seren recibidos en audiencia por diferente políticos. A poder ser "antes das eleccións, xa que despois pode que sexa máis complicado conseguir o indulto". "Mesmo un cambio de goberno obrigaríanos posibelmente a comezar outra vez de cero", di.
Dende mediados de decembro, os 'tres do Eixo' están incluídos nun réxime penitenciario de 2º grao, e se lles aplica a maiores un artigo especial que permite que só teñan que ir ao cárcere durmir. "Ao principio entraban ás 21.00 horas e marchaban traballar ás 7.00 horas; agora poden chegar ás 23.00 horas", di Bocija. Ademais, pasan as fins de semana fóra da prisión de Teixeiro.
Preguntado pola situación de Márquez, Moreira, e Montoiro dentro da institución penitenciaria, o secretario da Asociación de Veciños do Eixo confesa que o obxectivo principal destes é "pasar desapercibidos, para que ninguén se meta con eles, e non ter problemas".