A capital acolle este domingo unha marcha de apoio aos veciños do Eixo, condenados a prisión pola agresión a un policía durante unhas protestas.
A Alameda de Compostela será mañá ás 12.30 horas o punto de partida dun manifestación, convocada polo colectivo veciñal, para apoiar os tres veciños da parroquia compostelá do Eixo, obrigados a entrar a finais deste mes na cadea.
A Unión Comarcal da CIG de Santiago fixo este sábado un chamamento á participación "masiva", sumándose así ás realizadas dende outros colectivos da cidade. O sindicato nacionalista apuntou que esta condena "non se tiña que producir, máis aínda cando se trata duns feitos acontecidos no seo dunhas protestas en defensa do benestar do conxunto dos veciños e da súa seguridade viaria".
Ademais, recorda que os feitos que motivaron a sentenza condenatoria estiveron "precedidos dunha carga policial brutal e desproporcionada, na que mesmo resultaron afectadas persoas de avanzada idade".