Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Haberá unha concentración de despedida

Os 'tres do Eixo' entrarán finalmente na cadea o vindeiro martes

Tal e como se agardaba, a petición de indulto non chegou a tempo ao Consello de Ministros desta semana. Os veciños acompañaranos en autocar até a porta do cárcere de Teixeiro.

Redacción - 18:41 26/10/2007

Os tres veciños da parroquia compostelá do Eixo, condenados a prisión pola agresión a un axente da policía en 1998, deberán entrar na cadea.

Tal e como se agardaba, a petición de indulto do goberno municipal de Santiago -avalada polo Parlamento e 12.000 sinaturas- non chegou a tempo para poder ser tratada polo Consello de Ministros desta semana, o derradeiro antes da data de ingreso en prisión, o 31 de outubro.

Porén, será o martes 30 de outubro cando Xosé Moreira, Simón Márquez, e Xesús Montoiro se trasladen até o centro penitenciario de Teixeiro (Curtis, Betanzos). Mais non viaxarán sós.

Concentración de despedida

Segundo informou Xosé Manuel Bocija, secretario da Asociación de Veciños do Eixo, está previsto que este venres, en asemblea, se acorden os últimos detalles para a contratación de varios autocares que transportarán aos condenados e aos seus veciños até a mesma porta do cárcere.

Previamente, haberá unha concentración de despedida en Compostela, no lugar -aínda sen decidir- de partida dos buses.
Bocija sinalou que "logo do traballo para lograr que non ingresasen na cadea, agora comeza outro para que saian dela canto antes". Ademais, estudan xa cal vai ser o réxime de visitas.

Por último, asegurou que "aínda que non hai prazos", e o indulto pode chegar en calquera momento, "o importante e principal é que sexa positivo e despois que chegue canto antes", algo do que, afirmou, teñen "boas vibracións".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: