Prímanse as plantacións de carballos e castiñeiros, entre outras, co fin de producir madeira de calidade e favorecer o aumento da biodiversidade.
A Consellaría do Medio Rural aprobou esta semana as Axudas para o fomento das frondosas caducifolias, que convocara o pasado mes de maio, por un importe de 4.494.818 euros.
O obxectivo é fomentar as plantacións deste tipo de especies (entre as que se atopan carballos, castiñeiros, cerdeiras, nogueiras ou freixos), co fin de producir madeira de calidade, favorecer o aumento da biodiversidade e substituír dos eucaliptos e acacias en mal estado vexetativo.
Ademais, vai permitir a creación devasas naturais con este tipo de árbores para a protección dos núcleos rurais contra os incendios forestais.
Por último, tamén se trata de incidir na mellora da paisaxe e de contribuír a incrementar a cuberta forestal a longo prazo e ao mantemento ou recuperación dun ecosistema forestal san, así como a incrementar a función protectora dos bosques.
Os beneficiarios das axudas son tanto propietarios particulares como agrupacións, cooperativas agrarias, comunidades de bens e comunidades de montes veciñais en man común.