Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Fragas contra eucaliptais

O Día Mundial dos Bosques presentouse o libro para nenos "No corazón da Fraga", escrito por Francisco X. Fernández Naval e ilustrado por Suso Cibeiro. No acto participou o presidente da Xunta, Manuel Fraga, e iso provocou que -por razóns de protocolo (¿?)- o autor non puidese falar da súa propia obra. Naquel texto que nunca se leu Fernández Naval falaba de fragas cheas de vida, libres e que acollen dentro de si árbores de diferentes especies, tamaños e cores. E contrapoñíaas aos "actuais espacios forestados con especies únicas, monocultivos que son coma guetos, sociedades pechadas e excluintes, probablemente tan grises e tan tristes coma a propia globalización que se nos quere impor". Velaquí teñen o texto...

- 17:34 23/03/2001
Tags:

NO CORAZÓN DA FRAGA Francisco X. Fernández Naval

Dicía San Agostiño que o home é unha árbore que camiña, e a min gústame pensar que isto é así, que somos coma árbores, albergando en nós mesmos tanto acougo e tanta vida coma as árbores acollen e regalan. E gustaríame que de ser certo iso de que os homes son coma árbores que se desprazan, o mundo que habitamos fose coma a fraga, un espacio de vida, de tolerancia, no que conviven en harmonía tantas árbores diferentes, tanta variedade de especies, mesturadas en paz unhas con outras, admitindo as diferencias, medrando nun abrazo. Si, gustaríame unha sociedade tan libre como a fraga, universo mestizo no que está garantida a diferencia, no que destaca o matiz, a diverxencia, o contraste de opinión, tal e como sucede coas árbores, aínda coas da mesma especie, que é probable que os carballos sexan tan diferentes entre si, como diferentes somos cada un dos seres humanos.

A fraga é un mundo rico e diverso, en nada semellante ós espacios forestados con especies únicas, monocultivos que son coma guetos, sociedades pechadas e excluintes, probablemente tan grises e tan tristes coma a propia globalización que se nos quere impor.

E sen embargo, estes espacios uniformes, xeométricos, son cada día máis abundantes, e ocupan non só as gándaras e ermos que decidiramos ofrecerlles, senón que demostrando unha cobiza desmedida, penetran ata o corazón mesmo da fraga, afogándoa, destruíndoa, silenciándoa, empobrecendo a nosa realidade e o noso chan. Moitos dos meus amigos nenos, non coñecen outra paisaxe que as que debuxan contra o ceo os cimos dos piñeiros e eucaliptos de repoboación, ameazando con se converter nos únicos bosques desta Galicia, que era noutrora o país das fragas. E resulta paradóxico que para protexer o pouco bosque propio que nos queda, para protexer a vida, debamos acudir a figuras legais e retóricas, e nomealos monumento natural, como se fosen cousas do pasado, de xeito que acaso falar hoxe de fraga é como falar de arqueoloxía.

Nós pensamos que os bosques de frondosas son a vida, “A fraga é un tapiz de vida apertado contra as enrugas da terra”, dicía Wenceslao Fernández Flórez. Ela é o santuario da biodiversidade, e tamén é a garantía de futuro.

O futuro está na variedade de madeiras que as fragas nos ofrecen, na multitude de especies que albergan, na riqueza dun chan capaz de xenerar a vida. Ela é a identidade e a esperanza, o lugar no que soñar, unha vaga emoción, o aire, espacio animado por un sen fin de seres que aceptan convivir co home, pero que saben, como o sabe o mar, que  a especie humana é a única da que poderían prescindir.

Este libro é unha ilusión, unha proposta de lectura, de aprendizaxe e sobre todo de xogo, proposta que pretende comunicar dúas inocencias convocadas a escribir o futuro, os nenos e o corazón da fraga.

Para eles fixemos este libro.

(Texto que por razóns de protocolo non puido ser lido o día 23 de marzo de 2001, no acto de presentación do libro No Corazón da Fraga, coa presencia do presidente da Xunta, Manuel Fraga)


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: