Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cinco anos despois do desastre

Informe do Consello: Galiza, preparada para enfrontarse a máis dun Prestige

Segundo o Goberno, o país conta hoxe con máis mecanismos xurídicos, mellor planificación da emerxencia e un maior volume de medios para loitar contra a contaminación marítima.

Redacción - 17:45 15/11/2007
O presidente da Xunta, no consello da quinta feira

O presidente da Xunta, no consello da quinta feira

O Goberno presentou no mediodía desta quinta feira un informe no que daba conta das actuacións por el desenvolvidas en canto á protección medioambiental do mar galego, cinco anos após o afundimento do Prestige.

Unha resposta eficaz ante unha desfeita similar
Galiza está dotada, na actualidade, con "máis e mellores medios materiais e con máis persoal cualificado para facer fronte a emerxencias por contaminación mariña", din dende o Goberno.

Segundo o informe, presentado esta quinta feira na Casa do Concello de Muxía, onde se desenvolveu a xuntanza semanal da Xunta, Galiza ten avanzado en tres niveis na loita contra a contaminación do mar: o xurídico, o de planificación de emerxencia e o de dotación de medios para a prevención e para a loita contra a contaminación.

En canto ao xurídico, déronse pasos importantes a través da aprobación de normas estatais e estáselle a dar pulo á aprobación de normas comunitarias e internacionais que procuran o incremento da seguridade marítima.

No eido da planificación da emerxencia, na actualidade existen dous instrumentos fundamentais para dar resposta a unha posible emerxencia causada pola contaminación mariña: o Plan Nacional de Salvamento Marítimo 2006-2009 e o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña.

Máis medios técnicos e humanos
Polo que respecta aos medios propios da Xunta, houbo unha mellora cuantitativa e cualitativa.

O Servizo de Gardacostas de Galiza foi dotado dunha base loxística de loita contra a contaminación con base no porto de Tragove (Cambados), e tamén dispón de dous buques (o buque remolcador Sebastián de Ocampo e o buque de apoio Irmáns García Nodal). A dotación complétase con 21 embarcacións menores, e, como medios aéreos, dous helicópteros, ademais de numerosos medios terrestres.

En decembro de 2006 incorporouse á flota de Salvamento Marítimo o buque polivalente Don Inda con base en Corcubión, que permitiu multiplicar por trinta a capacidade recollida de residuos deste organismo, pasando dos 80 metros cúbicos de 2004 ata 2.403,8 a finais de 2006. Parelamente, en febreiro de 2007 incorporouse tamén a aeronave Rosalía de Castro, con base en Santiago, para a realización de labores de vixilancia marítima.

Segundo a Xunta, ao finalizar o Plan, no ano 2009, a zona de actuación de Salvamento Marítimo disporá de 9 novas embarcacións rápidas, 2 remolcadores propios, 1 base estratéxica de 18 mil metros cadrados, unha base permanente de actuación subacuática e un helicóptero de salvamento. Por último, está previsto que a capacidade de recollida de residuos no mar de Salvamento Marítimo chegue ao final do Plan aos 7.300 metros cúbicos no seu conxunto.

Inspección do Prestige e tratamento dos residuos
O informe avaliado na quinta feira no Consello da Xunta tamén dá conta da inspección que se fixo no lugar onde se atopan os restos do Prestige o pasado mes de setembro. Segundo os expertos que participaron nesta operación, a cantidade de fuel que saía dos restos era "irrelevante", porén, ordenóuselle á empresa responsábel que procedese a unha operación de selado dos puntos nos que se producía a fuga.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Esta imaxe titúlase '5 anos despois'. Foi tirada por Surfercosmovision na praia do Rostro, preto de Muxía
Esta imaxe titúlase '5 anos despois'. Foi tirada por Surfercosmovision na praia do Rostro, preto de Muxía
Unha imaxe daquela manifestación do 1 de decembro do 2002 / Flickr: Mariano Grueiro
Unha imaxe daquela manifestación do 1 de decembro do 2002 / Flickr: Mariano Grueiro