"A mentira penalízase nas urnas", dille Touriño ao PPdeG. "A Galiza que quere ser dona de seu futuro espera respostas", afirmou Quintana.
"Mentira sistemática e desinformación programada". Así resumiu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, o labor dos gobernos galego e español durante os días da crise do Prestige hai cinco anos. Na súa intervención no acto organizado pola Fundación Iniciativas 21 en Muxía en lembranza daquela crise, referiuse así ás leccións daqueles días, explicando que eses comportamentos "non son rendíbeis e son penalizados pola sociedade". Ao respecto laiouse de que cinco anos máis tarde "parece que non todos o aprenderon".
Pérez Touriño opinou que o PP aplicou diante da catástrofe "un compendio das peores políticas". "Foi un cúmulo dificilmente igualábel de despropósitos técnicos, políticos e informativos que botaron sobre os gobernos de Fraga e de Aznar un amplo descrédito e a perda de confianza dunha parte maioritaria da poboación", relatou. Na súa opinión, as eleccións xerais en 2004 e autonómicas en 2005, marcaron "a esixencia dun cambio" na forma de gobernar e a necesidade dunha relación entre gobernantes e cidadáns marcada "por principios de veracidade, transparencia, diálogo e asunción de responsabilidades".
As competencias pendentes
"Temos un arma moi poderosa no noso favor, que é a unanimidade das forzas políticas galegas na reclamación destas competencias", subliñou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante a súa visita ao Grove en relación á esixencia do traspaso de Salvamento Marítimo. "Nestes momentos, todas as forzas políticas reclamamos estas competencias, e agora a negativa do Estado é unha negativa a Galiza, pero estou convencido de que esa é unha situación que non se pode manter por moito tempo", indicou.
Quintana laiouse da lentitude en conseguir que Galiza sexa "dona do seu futuro" neste ámbito competencial, e dixo agardar que haxa en breve resposta positiva para unha demanda que o país leva agardando 25 anos. Na súa opinión "é necesario coordinar as políticas de salvamento marítimo de todos os países", pero precisando que Galiza debe ir á procura de "unidade de criterio e acción conxunta é no ámbito atlántico e europeo". Así, tratar o noso país como se fose o Mediterráneo "non lle reporta nada positivo porque son realidades diferentes e requiren solucións distintas". Sinalou tamén que o Estado "aínda ten unha débeda histórica" en materia de seguridade e de salvamento marítimo con Galiza, recordando que dos investimentos do Plan de Salvamento Marítimo do Estado 2006-2009, "só un 20 por cento" está destinado ao país.