Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cabodano do afundimento do Prestige

Cinco anos de loito, algunhas loitas pendentes

Maiores esforzos "preventivos", reforzo de medios operativos, novas medidas lexislativas, un servizo "público e galego" de salvamento marítimo... Desafíos aínda sen solucionar mentres os últimos fíos do chapapote van esvaendo das costas.

Redacción - 09:00 13/11/2007
Tags: Prestige

Algunhas prioridades sinaladas pola Plataforma Nunca Máis:
- Carecemos dun buque anti-contaminación con base en Galiza.

- Non dispoñemos de cobertura satelitaria para o Dispositivo de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra, nin de cobertura de radar plena do conxunto do litoral galego.

- Precisamos melloras na cobertura aérea das nosas costas, así como a corrección de deficiencias nas comunicacións marítimas.
- O Plan de Continxencias por contaminación mariña, aprobado hai un ano polo Goberno galego non veu acompañado de ningunha acción preventiva, do tipo dun simulacro de actuación. Son necesarios plans deste tipo por rías e por portos.
- Non existen centros de almacenamento operativos para facer fronte a unha emerxencia por contaminación mariña.
- Non está claro que estean determinados na costa galega ‘lugares refuxio’ para situacións de emerxencia no mar.




A transferencia de salvamento marítimo: unha prioridade


"Temos un arma moi poderosa no noso favor, que é a unanimidade das forzas políticas galegas na reclamación destas competencias", subliñou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, durante a súa visita ao Grove en relación á esixencia do traspaso de Salvamento Marítimo. "Nestes momentos, todas as forzas políticas reclamamos estas competencias, e agora a negativa do Estado é unha negativa a Galiza, pero estou convencido de que esa é unha situación que non se pode manter por moito tempo", indicou.



Cinco anos despois do afundimento do Prestige, sorprende a resistencia desde o goberno español en tratar con seriedade un asunto sobre o que o conxunto das forzas políticas galegas semellan estar de acordo: a necesidade de que Galiza asuma as competencias en salvamento marítimo.



Ao respecto, o voceiro de Pesca do grupo parlamentario do BNG, Bieito Lobeira, introducía este luns un novo matiz na reivindicación. Reflexionou Lobeira que o goberno español debera explicar se na orixe da negativa puidera estar o feito de que desde a Sociedade Estatal de Salvamento e Seguridade Marítima, Sasemar, se vexa a Galiza "como un negocio". "Non ofrece un servizo público, universal e gratuíto", sinalou o deputado nacionalista.



As tarifas van desde os 2.310 euros por hora do helicóptero Helimer Galicia até os 0,62 euros pola actuación dos seus remolcadores en función da eslora ou tonelaxe da embarcación implicada. Segundo Lobeira, considerando o "alto número de emerxencias que rexistra a costa galega", podería insinuarse que Galiza sexa "un negocio para Sasemar", e que aí estea un "motivo" das reticencias ás transferencias das competencias de salvamento e loita contra a contaminación marítima.




5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: