Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
a importancia dos danos colaterais

5 Anos despois, outro PRESTIGE aínda é posible

O accidente do buque Prestige ocasionou unha auténtica catástrofe ecolóxica nas costas galegas. Numerosos enclaves naturais, entre eles 20 Lugares de Interese Comunitario da Rede Natura 2000, o Parque Nacional das Illas Atlánticas, seis zonas húmidas do convenio internacional Ramsar no noso litoral e tamén Zonas Especiais para a Protección das Aves (ZEPAS), foron afectados. Máis de 120.000 persoas víronse directa ou indirectamente afectadas no seu medio de vida (a pesca, o marisqueo, turismo...).

ADEGA - 15:05 11/11/2007
Tags:

ADEGA a FEG e outras entidades galegas de defensa ambiental responderon coordinadamente á catástrofe do Prestige e mobilizaron todos os seus efectivos nesta tarefa, que se viu compensada pola mobilización xeral da sociedade e multiplicada polos miles de persoas voluntarias.

Case cinco anos máis tarde, o ecoloxismo destaca a importancia dos danos colaterais, tanto directos como indirectos. Valoramos positivamente a resposta ecoloxista inmediata na loita contra a contaminación e a destrución do litoral, mais criticamos a deficiente atención prestada á denuncia do modelo enerxético, económico e social que en última instancia orixinou a catástrofe. A enorme mobilización social implicou unha maior conciencia ambiental da sociedade galega, potenciando o papel do voluntariado ambiental, pero non tivo lugar, na mesma medida, unha ampliación da base social que presta o seu apoio aos colectivos ambientalistas, persistindo a maioría das deficiencias denunciadas que fan que outro Prestige poida volver a ocorrer.

A situación actual:
Cinco anos despois outro Prestige aínda é posíbel As principais medidas que se tomaron foron as seguintes:

• Prohibición progresiva dos buques monocasco e do tránsito por augas españolas dalgúns barcos perigosos
• Aumento a 1.000 millóns de euros do Fondo de Compensacións polo vertido de hidrocarburos
• Medidas máis rigorosas para as acreditadoras de buques
• Incremento nas inspeccións en porto e dos sistemas de control, reforzando os centros de Vigo, Santa Cruz e Las Palmas de Gran Canaria
• Aprobación de dúas 'Zonas Mariñas Especialmente Sensíbeis: Islas Canarias e Augas Europeas do Atlántico nororiental (incluíndo a costa cantábrica e a galega)
• Adquisición de medios anticontaminación por parte de diferentes institucións
• Aprobación de planos de continxencia nalgunhas comunidades como Cataluña, mais só en fase de desenvolvemento en Galiza.

Porén, son moitas as carencias e medidas que aínda se botan en falta. O descenso do ritmo de reformas nos últimos tempos, a medida que diminuíu a presión social e mediática, é cando menos preocupante.

Segue existindo un alto risco no tránsito marítimo, xa que non se estableceron aínda medidas de carácter preventivo e medios de protección que estean, cando menos, ao mesmo nível que o risco realdunha nova catástrofe (a escaseza de medios é evidente). Galiza non posúe un Plano de Continxencias propio no que se integren todos os medios dispoñíbeis e todos os protocolos de actuación (lémbrese que a descoordinación foi un dos aspectos máis criticados da actuación das administracións nas primeiras semanas que seguiron á marea negra do Prestige). Seguen sen determinarse os “Lugares Refuxio” e os Centros de Almacenamento coa suficiente dotación de medios técnicos e humanos, e carecemos de planos de actuación acaídos e convenientemente espallados pola costa galega. ADEGA comparte esta lista de carencias e indica outras máis: non se construíron barreiras anticontaminación, non hai un remolcador potente nas costas galegas, non hai planos de evacuación da poboación nin protocolos médicos para paliar os efectos da contaminación, non hai mascariñas apropiadas para a extracción do fuel…

No referido á situación ambiental e ecolóxica dos ecosistemas litorais, carecemos a día de hoxe dunha valoración global da evolución ao longo destes cinco anos. É sabido que aínda fican en determinadas áreas e lugares concretos do litoral restos de fuel do vertido do Prestige, e tamén consecuencias das actuacións de limpeza, nomeadamente da hidrolimpeza (con rochas e coídos aínda non colonizados) e das infraestruturas no litoral. No referido aos efectos tóxicos do fuel, estes seguen manifestándose maiormente nos humidais costeiros e os fondos mariños de augas someras, ecosistemas altamente sensíbeis, mentres que no plano xeral, a elevada capacidade de autodepuración e rexeneración do litoral galego considérase o principal factor paliativo, xunto coa retirada de grandes cantidades de fuel por mariñeiros, voluntarios e persoal contratado.

Valoración da situación 5 anos despois:
- No eido ecoloxista, a “volta á normalidade” é necesaria para atender a cantidade de problemas que tódolos días se presentan con urxencia de seren resoltos.
- Persiste unha percepción colectiva na sociedade galega de que por unha vez, foi posible mudar a realidade, e quizais se poida volver a facer. Xurdiu unha nova conciencia cidadá, crítica, comprometida e disposta á acción.
- Compre salientar o impacto no imaxinario popular, que fixo que os danos ao ambiente se converteran en algo palpábel. Hoxe en día, o Prestige é un referente cotián nas conversas, con termos como marea gris (referido ao urbanismo no litoral), o Prestige dos montes (referido á vaga de lumes), etc. Tamén é referente do positivo, na medida que a cidadanía puido intervir directamente na resolución do problema: pasouse do fatalismo ao activismo (temporal).
- O impacto a longo prazo está sendo silenciado, e ninguén fala xa do Prestige cando se ven as gráficas coa caída da produción de polbo dende o ano 2003, por exemplo. Non hai un seguimento transparente do impacto a longo prazo e mesmo algunhas investigacións non están sendo potenciadas.
- Non se acadou que a sociedade asumise moitas das reivindicacións ecoloxistas, sobre todo en relación a reducir a dependencia dos combustíbeis fósiles e a reducir as fontes de contaminación do mar.
- Nestes anos houbo algunhas melloras, mais temos unha serie de eivas que comparten a mesma base: falta de planificación e valentía política (o incidente do buque Ostedijk púxoo de manifesto unha vez máis).
- Carecemos dunha rede de Lugares refuxio: estas zonas deberían ser lugares do noso litoral que permitan resolver accidentes marítimos coas maiores garantías de protección do medio, deberían contar con material e persoal, etc.
- Outra grande carencia é a inexistencia de protocolos claros de actuación que indiquen que facer cun barco accidentado en función da época do ano, do tipo de carga, das condicións do mar, da zona danosa costa onde se atope...
- Cinco anos despois temos aproximadamente as mesmas probabilidades de que aconteza outra catástrofe similar, e nun prazo de 3-5 anos volveremos a ter un accidente/incidente grave dun barco fronte ás costas galegas. Mudou a disposición da sociedade e a experiencia do ecoloxismo, e pouco máis.

Podedes descargar o informe completo “AS ASOCIACIÓNS ECOLOXISTAS E O PRESTIGE 5 ANOS DESPOIS” escrito polo Manuel Soto Castiñeira Prof. do Dpto. de Química Física e Enxeñaría Química I (UdC) e membro da Directiva de ADEGA através da páxina de ADEGA


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: