Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
No Consello da Xunta deste 13 de setembro

O Goberno aproba o servizo de transporte para dependentes

Luz verde ao decreto que regula o Servizo Galego de Apoio á Mobilidade Persoal.

Redacción - 17:56 13/09/2007

Este servizo público regulado pola Vicepresidencia facilitará o desprazamento programado e non urxente das persoas con problemas de mobilidade, garantindo a máxima seguridade, os medios precisos e o apoio de persoal de acompañamento durante o traslado. Para acceder a este servizo cómpre ter recoñecida a dificultade de mobilidade ou a situación de dependencia, ou un grao de discapacidade superior ao 65%. As persoas nesta situación disporán dunha tarxeta de identidade e poderán beneficiarse desta proposta.

O servizo será de balde para as persoas con ingresos iguais ou inferiores ao 75% do IPREM, e a súa prestación realizarase valorando unha serie de prioridades: a necesidade de acudir a consultas ou tratamentos sanitarios do sistema público, cando o desprazamento non sexa competencia do sistema sanitario; trasladarse a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais como residencias, centros de día ou outros equipamentos dos cales sexan usuarios; ou acudir a centros ou equipamentos do sistema de servizos sociais que, malia non teren ese carácter de aloxamento, dispoñan de programas ou actividades ás que acoden ou deban acudir ; realizar actividades relacionadas coa vida diaria, ou asistir a actividades de carácter educativo ou formativo.

O fin é implantar progresivamente este servizo a través de experiencias piloto que comezarán xa este ano. Deste xeito, agárdase que para o 2009 funcione con normalidade en todo o territorio galego. O custe de implantación para este ano será de 6 millóns de euros e, unha vez implantado, o seu custe anual consolidado ascenderá a 33.669.163,53 euros.

Condicións de uso e seguridade

Tentará adaptarse ao usuario, de xeito que as persoas que queiran realizar unha demanda específica poden facelo con antelación abonda, identificándose coa súa tarxeta de usuario. Durante os traslados, disporán dunha persoa acompañante, e os vehículos cumprirán a normativa de accesibilidade, adaptados para o transporte de persoas en cadeiras de rodas. A súa capacidade será, como mínimo, para sete persoas, e como máximo para doce. Ademais, disporán de teléfono e integraranse nun sistema de control e localización GPS.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: