A débeda histórica con Galiza en materia de servizos sociais e os maiores custos da xestión da dependencia na nosa comunidade eran o argumento co que a Vicepresidencia da Xunta negociaba unha inxección económica extra para o noso país. O acordo asinado este luns polo vicepresidente Anxo Quintana e o ministro de Asuntos Sociais, Jesús Caldera, garante 60 millóns máis para os próximos tres anos. Quintana cualificou de "histórico" un acordo que alén de pechar "un financiamento xusto" tamén implicaría "o recoñecemento das competencias exclusivas de Galiza nesta materia".
"Galiza dispón de competencias exclusivas para definir e establecer un catálogo de servizos que responda ás necesidades de atención dos galegos e das galegas en situación de dependencia", recolle explicitamente o protocolo asinado.
Así o destacan desde a Vicepresidencia da Xunta, gabando que o acordo para o desenvolvemento da Lei de Dependencia supón o recoñecemento e o compromiso "de paliar o défice en equipamentos sociais que Galicia ten" e asegura que a Lei vaille dar á comunidade "dereitos reforzados e executábeis por ter un financiamento xusto". O acordo tamén suprime da lei o requerimento fixado anteriormente segundo o cal era necesaria a residencia de cinco anos para que os emigrantes retornados poidan acceder ao "Sistema de Dependencia".
O texto implica que Galiza parte dunha situación de desigualdade de oportunidades neste eido "e que é necesario un esforzo das administracións para garantirmos esa igualdade". Desde o departamento liderado por Anxo Quintana destacan tamén que o recoñecemento da singularidade galega en materia de financiamento da dependencia supón o éxito dunha "negociación de ti a ti" co Estado para atopar fórmulas de financiamento que recollan criterios coma a dispersión da poboación ou a atención aos emigrantes retornados, e non descartan que ese modelo negociador sirva para outros asuntos.
Ademais, o acordo elimina da lei o requisito de residencia de cinco anos para que os emigrantes retornados poidan acceder ao Sistema de Dependencia, e estima necesario arbitrar un sistema de atención aos galegos e galegas dependentes e en situación de retorno que posibilite a súa asistencia sen un período de carencia residencial. Ademais o Ministerio de Traballo e a Vicepresidencia da Xunta traballarán conxuntamente "para promover o benestar dos galegos residentes no exterior, a través de actuacións de prevención e mantemento".