Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Aprobada a iniciativa

O Senado insta a respectar as competencias da Xunta en enerxía eólica

Francisco Jorquera: "A moción vainos dotar de máis instrumentos e de maior lexitimidade para defender os intereses enerxéticos de Galiza".

Fernando Arrizado - 17:04 12/09/2007
O senador nacionalista Francisco Jorquera

O senador nacionalista Francisco Jorquera

A Cámara Alta do parlamento español, o Senado, aprobou este martes por unanimidade unha moción do BNG na que se lle insta ao goberno do Estado a respectar as competencias da Xunta en enerxía eólica, e a "ter en conta as aspiracións" de Galiza nesta materia.

A aprobación conseguiuse logo de que a formación nacionalista aceptase unha transacción do PP e do PSOE (os grupos nacionalistas apoiaban o texto orixinal do BNG) para aonseguir o apoio de toda a cámara.

Francisco Jorquera, autor da iniciativa, afirma que "aínda que a moción non vai ser a variña máxica que solucione todos os problemas, servirá para dotarnos de máis instrumentos e de maior lexitimidade para defender os intereses enerxéticos de Galiza".

"Sobre todo -sinala Jorquera-, e malia que non existen garantías xurídica, ten un valor político moi importante, xa que conta co respaldo do grupo que sustenta o goberno do Estado, o grupo socialista".

Obxectivos fixados de común acordo

Respecto aos puntos do documento aprobado, cómpre salientar que os dos primeiros non sufriron ningunha modificación con respecto a proposta orixinal do BNG. Na práctica, isto supón que os obxectivos de potencia eólica serán estabelecidos de común acordo entre os gobernos español e galego.

Por exemplo, afecta directamente á limitación de potencia enerxética eólica en Galiza. A Consellaría de Industria ten como obxectivo lograr os 6.500 megavatios (Mw) de potencia en 2012, namentres que a proposta do Ministerio ficaba en 3.800 Mw, "moi limitada", segundo Jorquera, e que se vería "sobrepasada xa amplamente polos parques proxectados e en construción", no Plan de Enerxías Renovábeis actual. Agora deberá ser debatida entre as dúas administracións.

Trámite parlamentario e consulta coas CCAA

Os tres últimos puntos, de "importancia capital para os intereses galegos", están conectados directamente co recente Real Decreto do 20 de xullo sobre o procedemento para a instalación de parques eólicos no mar (todos de máis de 50 Mw) ou co que regulamenta o novo réxime de primas de instalacións con potencia superior a 50 Mw.

Os nacionalistas consideran que os decretos aprobados buscan invadir o eido competencial do Goberno galego, porque a lei estabelece que o Estado terá competencia sobre todos os parques con potencia superior a 50 Mw.

Xa que logo, a moción aprobada polo Senado este martes é de "grande relevancia", segundo Jorquera, porque "obriga ao trámite parlamentario, elimina a política do 'decretazo' e estabelece a consulta coas Comunidades Autónomas".

"Esforzos non recompensados"

O voceiro do BNG no Senado, que salientou o duro traballo parlamentario do seu grupo tanto no Parlamento galego como no español, expuxo na súa intervención na cámara que a especialización do país en actividades de xeración de enerxía eléctrica "apenas lle reportou beneficios".

Neste senso, subliñou que "máis ben ao contrario", posto que Galiza "tivo que aguantar os importantes custos sociais e ambientais" dunha actividade destinada, "en boa medida, a satisfacer as necesidades de reforzo para outros territorios do Estado".


Documentos

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: