Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
"En clave de país", sinalou Quintana

O novo regulamento de enerxía eólica incidirá no seu impacto social

O goberno presentou o novo decreto de aproveitamento da produción enerxética do vento, que prevé unha potencia de 6.500 megavatios para o 2012, un 55% máis ca en 2004.

Redacción - 14:50 19/03/2007
Galiza é a sexta potencia eólica do mundo

Galiza é a sexta potencia eólica do mundo

O vicepresidente do goberno, Anxo Quintana, e o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, presentaron este luns o Decreto polo que se regulamenta o aproveitamento da enerxía eólica en Galiza. A nova norma seguirá tres liñas fundamentais: o vento como factor de crecemento; en harmonía e respecto co medio natural; e como fonte de progreso social.

Na súa intervención, Quintana explicou que "agora, por primeira vez, o goberno deseña a política enerxética en clave de país", e asegurou que para isto non só vai contar "a importancia da dimensión económica da produción enerxética, senón tamén a dimensión social", coa adopción de medidas que aseguren que os beneficios se estendan ao conxunto da sociedade galega.

“Para que os galegos e as galegas sexamos os primeiros en beneficiármonos da enerxía que se produce en Galiza, e que non sexan outros os se enriquezan á nosa costa”, salientou.

Participación pública

Pola súa banda, Fernando Blanco explicou que este decreto substituirá ao actual 302/2001 e estabelecerá un novo modelo de xestión eólica en Galiza. Entre as principais novidades con respecto ao anterior está o de garantir o interese público do seu desenvolvemento a través de fórmulas de participación pública (a Xunta resérvase un mínimo do 10% do accionariado), que aseguren o retorno social dos investimentos, así como tamén a introdución dun mecanismo de concorrencia competitiva no procedemento de autorizacións.

Ademais, o decreto suprimirá os conceptos de plan eólico empresarial, parque eólico singular e parque eólico individual, e introducirá o concepto de Área de Desenvolvemento Eólico (ADE), como aspecto central do novo modelo.

O 95% renovábel, para 2012

Segundo datos do Instituto Enerxético de Galiza, no ano 2004, a electricidade procedente de fontes renovábeis supuxo o 55,2% do total consumido. O obxectivo que se contempla para 2012, en base á nova planificación enerxética, é chegar ao 95%.

A Xunta prevé contar con 6.500 megavatios para este ano. No período 2007-2010, proporase a admisión a trámite de 2.330 MW, sen contar os 511 admitidos xa no mes de febreiro. Na actualidade, a potencia eólica total de Galiza é de 4.172,44 MW, dos cal 3.088,92 están autorizados e 1.083,52, en trámite de licitación.

Novo modelo de tramitación

O novo decreto de regulación eólica estabelece tamén un modelo de autorizacións transparente e non especulativo, que evitará a excesiva concentración de potencia nun número reducido de promotores.

Ademais, limitará ou eliminará o tráfico de dereitos derivados das admisións a trámite ou das autorizacións, antes da entrada en funcionamento dos parques.

Os principais requisitos que se terán en conta para a adxudicación son: a menor afección ao ambiente e mellor relación entre produción e afección ambiental; mellor proxecto de desenvolvemento para a zona; participación pública; viabilidade técnico-económica; capacidade técnica e financeira; e viabilidade da proposta de interconexión.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: