Segundo Ángel Bernardo Tahoces, a planificación do goberno español está a impedir que se cumpran os obxectivos para o 2016.
Ángel Bernardo Tahoces
O voceiro de Industria do Grupo Popular do Parlamento, Ángel Bernardo Tahoces, afirmou que os atrasos van impedir que se cumpran os obxectivos de infraestruturas de transporte da enerxía eléctrica no país para o período 2007-2016, que prevé a autorización de 6.500 megavatios de produción eólica.
Segundo Tahoces, a liña da que depende a evacuación da electricidade producida polos parques eólicos cara á meseta, entre Aparecida e Trives, non estará rematada até, polo menos, 2012. Este adiamento está a impedir, para o PP, que avance a produción deste tipo de enerxía en Galiza.
O voceiro pediulle ao conselleiro de Innovación e Industria que aclare se a planificación do goberno español vai facer que Galiza perda a súa posición de liderado na enerxía eólica. Segundo os datos manexados por Tahoces, o noso país pasará a representar o 15,87% da potencia instalada no estado no ano 2012, fronte ao 22,41% actual.
Para o voceiro popular, estes atrasos débense á preferencia do goberno español por que os centros de xeración de electricidade estean próximos aos centros de consumo: Cataluña e Madrid. Por iso, pediulle a Fernando Blanco que explique se está de parte dos intereses de Galiza ou dos do goberno español.