Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ao gaseiro 'Akwa Ibom', que ía a Reganosa

Detido un mariscador, por ir "indocumentado", tras o bloqueo da ría de Ferrol

Xaime Gabarri, voceiro da colectivo de mariscadores, asegurou que esta detención implica un "intento de intimidación".

Redacción - 12:15 17/08/2007

Un mariscador adscrito á Confraría de Pescadores de Ferrol foi detido na mañá deste venres, tras o peche da bocana da ría levado a cabo polo colectivo para evitar a entrada do buque Akwa Ibom, con destino á planta de gas de Reganosa.

O traballador, Xosé Anxo Ríos, de 34 anos de idade, foi retido pola Garda Civil por carecer da documentación requirida polos axentes durante os seus intentos por facilitar a entrada do metaneiro na ría de Ferrol.

"Intento de intimidación"

Xaime Gabarri, voceiro do colectivo de mariscadores, asegurou que esta detención implica un "intento de intimidación". "Terano alí corenta e oito horas", aventurou.

Gabarri dixo que os motivos que levaron a un grupo de traballadores a retomar o peche da ría, como xa se fixo con motivo de anteriores entradas de metaneiros dirixidos a Reganosa, foron que "nin a Delegación do goberno español en Galiza aceptou a nosa petición de diálogo, nin Reganosa quitou as denuncias que pesaban sobre nós".

Xaime Gabarri afirmou que "durante dous meses se deixou pasar aos gaseiros", mais que a falta de novidades no proceso motivou novas mobilizacións. No entanto, recoñeceu que as protestas xeraron unha división no seo da Confraría de Ferrol. Gabarri abandonou a asemblea das nove da mañá do venres ao non se sentir avalado polo patrón maior en funcións, Bernardo Bastida, e anunciou que non participará, a título persoal, en novas protestas e que se sente "decepcionado".

Nova tentativa, pola tarde

Pola súa banda, Reganosa non puido confirmar se o buque Akwa Ibom, que ao mediodía do venres permanecía fondeado na ría de Ares, aproveitará a preamar desta tarde para acceder á ría de Ferrol.

Reganosa considera que, "como empresa que exerce a súa actividade legalmente", é merecedora do amparo das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para impedir un novo veto á entrada do metaneiro, un apoio que xa reclamou ante protestas precedentes.

Ante a chegada do primeiro buque, o Galicia Spirit, Reganosa cifrou en 300.000 euros as perdas diarias por non se poder abastecer do gas natural licuado transportado polo metaneiro, polo que reclamou responsabilidades ante a Xustiza.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: