En pleno verán, a complexidade da entrada e a climatoloxía fan que non poida entrar un gaseiro cara á regasificadora.
Non será até o venres ou mesmo o sábado cando se realice un novo intento para meter o xigantesco buque Akwa Ibom cara á planta de Reganosa. En principio, estaba prevista a súa entrada para a tarde deste xoves, aproveitando a preamar diurna das 19h23. Segundo empresa e autoridade portuaria, o mal tempo recomendou aprazar a manobra.
A situación pon en evidencia o que podería ser a problemática no futuro para actividade da planta no lugar actual. Cun obxectivo de regasificación de até 322.500 metros cúbicos por hora, desde o propio Comité Cidadán de Emerxencia advertiran hai tempo de que Reganosa ía precisar de meter na ría arredor de 42 barcos gaseiros por ano, aproximadamente un cada nove días. Trátase ademais dunha complexa manobra debido ás características da ría ferrolá, e que só podería realizarse aproveitando a preamar diurna.
Paradoxalmente, Reganosa ten en axenda unha solicitude de ampliación coa que aspira a chegar a unha capacidade de regasificación de até 800 mil m3/hora. Con ese volume de actividade, calcúlase que precisaría a subministración de 105 metaneiros cada ano, arredor dun entrando na ría cada tres días cunha media de 140 mil m3 de gas.