Os ecoloxistas de Quercus queren impedirlle ao goberno local a operación que lle facilitaría os terreos á empresa.
A organización ecoloxista portuguesa Quercus leva ben tempo denunciando o tento de construír a factoría de Pescanova no municipio de Mira. Agora, o colectivo interpuxo un recurso cautelar para impedir a Câmara de Mira vender terreos a Pescanova e, deste xeito, inviabilizar a instalación da piscifactoría que ten proxectada a empresa galega para esa zona.
O proxecto acuícola de Pescanova vetado polos ecoloxistas
O requirimento de Quercus foi presentado no Tribunal de Mira e pretende impedir a realización da escritura de compra e venda do terreo previsto, alegando que o mesmo non pertence ao concello portugués. En palabras do presidente da dirección da Quercus, Hélder Spínola, "Trátase dun terreo baldío, que ten unha comisión de compartes e a Câmara non pode vender unha cousa que non é súa".
O valor acordado entre a Câmara de Mira e Pescanova é de 2,5 euros o metro cadrado, tendo o concello recibido xa o 20% do pagamento. Os cartos restantes serán pagos ao formalizar a escritura de propiedade, que pretenden impedir os ecoloxistas.
O emprendemento de Pescanova en terras portuguesas
O proxecto acuícola de Acuinova -Actividades Piscícolas, SA, filial de Pescanova, ten un investimento global de preto de 140 millóns de euros, a realizar en dúas fases durante os próximos catro anos.
Neste tempo, a empresa galega pretende producir sete mil toneladas de peixe ao ano, recuperando o seu investimento inicial con creces.