A multinacional ten un prazo de quince días para modificar a memoria do proxecto.
Dunas de Mira, onde Pescanova pretende construír a planta / Foto: António Campos
O proxecto de instalación dunha planta de acuicultura de Pescanova a Portugal corre perigo de ir a pique. O pulso que mantivo a multinacional galega co Goberno tras a paralización da piscifactoría de Touriñán ameazando con trasladar os supostos beneficios da fábrica ao país veciño parece que quedou en auga de fregar.
Segundo unha fonte ligada ao proxecto, que cita o Jornal de Notícias, existen irregularidades no estudo de impacto ambiental, condición imprescindíbel para que poida saír adiante a planta de Mira. En previsión de que a iniciativa non ía ter un bo remate, Pescanova xa pedira a suspensión do proceso. A empresa convidou varios membros da comisión á planta de Xove, para amosarlles as “boas prácticas” que seguen e Galiza e persuadilos de aprobar o estudo.
As informacións revelan que que o estudo non pasou o primeiro criterio de avaliación, por problemas na captación e devolución da auga do mar. A empresa ten 15 días para modificar a memoria descritiva do proxecto. En caso contrario, non poderá saír adiante. O estudo ten como data límite finais de maio.
Satisfacción dos ecoloxistas
A asociación ecoloxista Adega amosou a súa conformidade coa previsíbel decisión das autoridades ambientais portuguesas. O veto demostra que non se pode destruír unha zona protexida escudándose “nun suposto interese público, que en realidade é un beneficio para uns poucos e prexuízos para a sociedade”.
Tamén explicou que este é un xeito de actuar habitual entre as empresas: enviar globos sonda como o suposto traslado de postos de traballo a Portugal. Malia isto, Adega teme que agora Pescanova tente levar a súa planta a outro país onde as leis ambientais sexan máis permisivas.
A piscifactoría de Pescanova, prevista nun principio para un espazo protexido da Rede Natura 2000 en Touriñán, fora paralizada pola Xunta. Despois duns meses de tensión entre o Goberno e a empresa, durante os que se lle propuxeran emprazamentos alternativos, a multinacional decidira trasladar o proxecto a Portugal, a outra zona igualmente protexida, en Mira, confiando nunha suposta maior permisividade das autoridades lusas. Pero, finalmente, non vai ser así.