O colectivo reclama o endurecemento da lexislación e a elaboración dun estudo sobre os efectos das radiacións sobre a saúde.
Diversas asociacións protestan pola contaminación electromagnética
Sete asociacións do país intégranse nunha plataforma de protesta contra a contaminación electromagnética. A agrupación está formada por case 80 colectivos, entre asociacións de veciños, afectados e ecoloxistas, e conmemorará o domingo 24 o Día Internacional da Contaminación Electromagnética.
Entre as novas incorporacións atópanse a Asociación de afectados polas antenas de Chapela, a Coordinadora de afectados pola instalación de antenas de telefonía móbil de Ourense, a Federación veciñal Roi Xordo de Ferrol, a Plataforma cidadá da Ponte de Ourense e a Plataforma contra as antenas de Vite, en Compostela.
A plataforma denuncia o “crecemento insustentábel” da contaminación electromagnética que ligan á proliferación “descontrolada” de infraestruturas eléctricas e de redes de telecomunicación. Nun comunicado, aseguran que estes dispositivos se converteron “nun problema ambiental e de saúde pública”, polo que reclaman que se desenvolva un programa de investigación pública que analice os efectos na saúde e que se cambie “en profundidade” a normativa actual para controlar o perigo que poden supoñer as ondas electromagnéticas.