A Coordenadora Estatal contra Liñas de Alta Tensión e Instalacións de Transformación demandou a través dun comunicado a elaboración dunha normativa de carácter estatal en materia de contaminación electromagnética. Esta normativa daría resposta ás esixencias crecentes por parte de diversos colectivos veciñais e sociais en asuntos como o das polémicas torres de telefonía móbil, os tendidos de alta tensión ou as subestacións de transformación. No noso país, a presenza de liñas de alta tensión perto de lugares habitados desencadeou importantes mobilizacións veciñais en Merza (Vila de Cruces) e Arteixo.
Esta Coordenadora tamén solicitou aos alcaldes que promovan ordenanzas municipais que procuren diminuír o impacto ambiental e para a saúde humana da preocupante polución electromagnética.
A Coordenadora resume as súas propostas nun decálogo, que se reproduce a continuación:
1)Esixir ás compañías prestatarias do servizo eléctrico que revisen os transformadores de media tensión instalados en zonas urbanas, para
garantiren o mínimo de radiación electromagnética.
2) Instar ás mesmas compañías a que enterren e illen adecuadamente contra campos
electromagnéticos os tendidos de media tensión.
3) Esixir o traslado dos tendidos de alta tensión e as subestacións de transformación lonxe das zonas habitadas.
4) Dictar ordenanzas municipais prohibindo a instalación de torres de telefonía móbil nas terrazas dos edificios, obrigando a situalas lonxe do núcleo urbano, e tomar as medidas oportunas para o traslado das xa existentes.
5) Promover o traslado das emisoras de radio e televisión a unha distancia mínima do casco urbano que asegure uns niveis de radiación
non prexudiciais para a poboación.
6) Esixir estudios detallados de impacto ambiental ante cualquera proposta de instalación que poida supor un risco de irradiación electromagnética para os cidadáns.
7) Explicar á poboación cómo se avalían e xestionan os riscos relacionados coa electropolución, dada a grande ansiedade que esperta na poboación este tema, e desenvolver campañas formativas en relación coa contaminación electromagnética.
8) Procurar o desenvolvemento de políticas de investigación e estudios epidemiolóxicos que permitan un adecuado coñecemento dos efectos
biolóxicos da electropolución (tanto no ámbito local como no autonómico e estatal).
9) Promover a comercialización de productos eléctricos e electrónicos electromagneticamente seguros, que dispoñan de tecnoloxía de atenuación
de campo.
10) Esixir que as instalacións eléctricas nas vivendas de nova construcción dispoñan das medidas idóneas que garantan unha mínima irradiación.