Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral

Contaminación electromagnética, destaque de Cerna

O número 34 da revista galega de ecoloxía e medio ambiente Cerna, editada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), dedica as súas páxinas centrais ao preocupante e controvertido tema dos efectos sobre a saúde humana da contaminación electromagnética, que tanta alarma social ten xerado nos últimos meses no Estado español. O artigo de Cerna sobre esta forma de contaminación amosa que "existen indícios científicos sérios de que os campos electromagnéticos artificiais poden afectar ao meio ambiente e á saude humana".

- 16:05 26/03/2002
Tags:

Outras cuestións abordadas no número de Cerna correspondente ao inverno de 2002 son os recheos previstos na ría de Vigo, a Axenda 21 local, o proceso de recuperación da cidade de Pontevedra para os peóns, as aves nidificantes ameazadas de extinción en Galiza, a destrucción dos bosques autóctonos do noso país pola extracción abusiva de leña, a construcción do encoro de Itoiz (Navarra) e a situación nesa extraordinaria reserva de biodiversidade que é a Amazonia.

O último número de Cerna contén as seccións habituais con noticias de actualidade e información sobre o traballo de ADEGA. Na contracapa reprodúcese un poema de Manuel Rivas e unha foto de Xacobe Meléndrez.

Baixo o título "Cámbios ou máis do mesmo?", o editorial fai votos para que o diálogo iniciado entre o goberno de Fraga e a oposición parlamentaria " sirva para mellorar a nosa pésima calidade de vida democrática e para atinxir alguns consensos necesários. Entre eses consensos (non só partidários senón tamén sociais) que o país precisa urxentemente figura o relativo á política forestal e de loita contra os incéndios. A solución do grave e difícil problema dos lumes forestais esixe medidas de longo prazo, equilíbrio e responsabilidade. Un enfoque que nada ten que ver co curtopracismo, o produtivismo, o eleitoralismo e a desinformación".

Probas importantes para a nova "política civilizada" da que falou Fraga serán a actitude do goberno do PP con respecto aos planos locais de xestión do lixo baseados na compostaxe e na reciclaxe ou o futuro do Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA). O editorial pregúntase: "Terá o conselleiro do ambiente vontade política para reformá-lo e converté-lo nun auténtico órgano de participación social, plural e influinte?. Será un elemento relevante na elaboración e aplicación dunha estratéxia galega de desenvolvimento sustentábel, dunha Axenda 21 para Galiza?".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: