O salón do cómic da Coruña desenvolverase este ano do 13 ao 19 de agosto e conta xa cun blog extraoficial.
Tim Sale, autor de Hulk Gray, estará en agosto na Coruña
Aínda que faltan dous meses para que comece o salón da banda deseñada Viñetas dende o Atlántico, na Coruña, xa se vai coñecendo parte do programa. Na feira, que chega ao seu décimo aniversario, contarase con novas figuras: a familia Simpson acompañará os visitantes en diversos puntos da cidade.
Viñetas dende o Atlántico, que se vai desenvolver do 13 ao 19 de agosto, contará con convidados de todo o mundo. Por primeira vez estará presente un mangaka xaponés, Yoshihiro Tatsumi. Polo lado estadounidense irán Linda Medley, Tim Sale e Jeff Smith; a banda deseñada francesa representarana os franceses Étienne Davodeau e Jean-Louis Tripp; tamén irá a israelí Rutu Modan e, do resto do estado, os barceloneses Juanjo Sáez e Sergi Sanjulián e mais o vasco Santiago Valenzuela.
Para conmemorar o décimo aniversario de Viñetas dende o Atlántico, abrirase unha exposición que repasará a última década de banda deseñada galega e outra con dez carteis de viñetas. Haberá tres mostras máis: unha sobre novela gráfica, outra sobre os cómics na transición e unha máis dedicada á banda deseñada valenciana. Como xa é norma na feira, as exposicións estarán espalladas por distintas salas da cidade.
O salón conta este ano cun blog extraoficial, despois de que na edición do ano 2006 non houbese ningunha web dedicada ao evento.