Dende o luns e ata o 20 de Agosto, a cita coa banda deseñada para aficionados e curiosos será na Estación Marítima. Autores americanos, españois e galegos pasarán por esta terceira edición do salón coruñés, chea ademais doutras acividades como exposicións e concertos.
Facendo garda en María Pita, na fachada do Pastor, no reloxio do Obelisco. En diversos lugares da Coruña pode un atoparse con Batman, Spiderman ou Asterix e Obélix. A cidade está tomada por superheroes de cartón pedra. Iso quere dicir que chegou de novo o espacio anual para a banda deseñada ata nós. Así, e baixo a dirección de Miguel Anxo Prado, desenvolverase o variado programa que amosará a aficionados e fanáticos do medio un amplo abano das diversas tendencias existentes.
Estarán no salón coruñés dende Don Rosa, o creador daquel entrañable cascarrabias que era o Tío Gilito de Disney, ata o autor da última serie de historietas de Playboy, Horacio Altuna, pasando por autores españois como Ricard Castells, Daniel Torres e tamén galegos como Fran Jaraba.
Talleres de creación, proxección de audiovisuais, actuacións como a de Siniestro Total ou o Mago Antón, serán algunhas das actividades paralelas que enriquezan esta terceira edición.
E baixo o título de ´Xoves autores coruñeses´, tamén poderemos ver o que fai a canteira coruñesa da banda deseñada. Xoves valores que terán espacio e voz propia este ano. Alí estarán Adrián López, KiKe Benlloch, Jano Viñuela, Bernal, Urbano, Javi Prieto, Javi Montes, Emma e Manel Cráneo.
Dende Vieiros Coruña irémosvos achegando información sobre o certame.