Un ano máis, por oitavo consecutivo, abre na Coruña o Salón de Banda Deseñada 'Viñetas desde o Atlántico'. E faino con dúas exposicións monográficas, unha sobre a Revolución dos Caraveis na banda deseñada e outra para renderlle homenaxe á revista española'El víbora'.
O Salón contará coa participación de destacados autores coma o estadounidense Bruce Jones, un dos debuxantes de Hulk, e o español Javier Pulido, que ten traballado nas series de Batman e Catwoman. O francés Nicolás de Crécy, o galego Fernando Iglesias, Guido Silvestre, Denis Depréz, Vicente Segrelles, Ana Millares ou os italianos Bárbara Canepa e Alessandro Barbucci, autores das meiguiñas Witch para a factoría Disney, forman parte da listaxe de artistas da sétima edición do Salón.
Ademais das exposicións dedicadas á banda deseñada portuguesa e ao Víbora, 'Viñetas desde o Atlántico' integrará unha selección de banda deseñada clásica de piratas, orixinais da serie 'Tocando los Borbones', editada pola revista 'El Jueves' e unha mostra de homenaxe polo décimo aniversario do Xabarín, o personaxe creado por Miguelanxo Prado.
O salón pechará o domingo 22 de agosto e acompañarase, como é de costume, de parladoiros cos autores e dunha feira para a compra de banda deseñada.