A cuarta edición do salón Viñetas dende o atlántico vén de confirmar o posicionamento da organización na defensa do cómic máis persoal e innovador do actual panorama tanto europeo como americano. Isto resulta un alivio para o afeccionado que chegou a temer que os contidos do salón puidesen caracterizarse pola compracencia ó gran público (se é que iso existe no mundo dos tebeos). A selección de mostras realizada na presente edición é un exhaustivo percorrido por algún dos mellores momentos do cómic actual. Isto, unido a unha boa organización e planificación dos actos adxacentes á mostra (charlas, presentacións, concertos...), deixa claro que A Coruña ten a sorte de contar cunha das citas comiqueiras mais interesantes do estado. Un artigo de Anxo Cuba.
-Carlos Nine. Outro bicho raro da historieta mundial. Neste caso trátase dun arxentino admirador do
gran Alberto Breccia, posuidor dun característico estilo baseado na forza da cor por riba das formas. O seu é un estilo moi enraizado na tradición de humor gráfico arxentino de revistas como Gil Blas.
É un deses autores dos que vale a pena ver os orixinais xa que son auténticos cadros.
Á parte destas exposicións puidéronse ver as interesantes colectivas Consecuecias. Cómic Argentino 2000 e a mostra dos premiados no concurso de cómic e ilustración Injuve 2000, ámbalas dúas serven de mostra dos traballos dunha novísima xeración de debuxantes.
Tampouco puido faltar a obrigada cita anual cos Tebeos da nosa infancia (1951-1975) coa que goza tanto o noso alcalde.
Interesantes foron tamén o resto das mostras do salón como a de Carlos Puerta e Lorenzo Díaz, Rubén Pellejero, Marc Hempel, Rick Veitch e Jorge Zentner.