Os corredores galegos compartiron un día de promoción da bicicleta cos nenos e nenas do Marcote de Mondariz. Pola mañá andaron en bici e pola tarde tiveron unha charla coloquio.
As bicicletas foron o elemento recreativo-deportivo empregado en exclusiva polos alumnos do colexio pontevedrés na xornada da terza feira. Os pequenos foron ensinados a andar e a gozar das bicis por Marcos Serrano, Ezequiel Mosquera, Gustavo Domínguez, Luís F. Oliveira, Gustavo C. Veloso, Serafín Martínez e Eduard Vorganov, parte dos ciclistas do Karpin, e Genaro Prego, un dos mecánicos do equipo. A expedición estivo encabezada polo xerente da Fundación Ciclismo Galego e manager do equipo, Rodrigo Costas.
Nas instalacións do centro escolar, os pequenos dedicaron toda a mañá a realizar unha ampla variedade de exercicios ciclistas, e algúns dos máis pequenos saíron aprendendo a andar en bicicleta. Pola tarde realizouse unha charla coloquio na que participaron máis de douscentos alumnos de secundaria e bacharelato, á que se incorporou Álvaro Pino, director deportivo do Karpin Galicia.
Esta actividade enmárcase no traballos promoción do ciclismo de base posta en práctica pola Fundación Ciclismo Galego e a equipa Karpin Galicia.