Dende o ciclismo ao slalom e dalí ao vólei praia... esta fin de semana está chea de competicións importantes para o deporte galego de entre as que destaca a estelar final da Liga Nacional de Billarda que se celebra na xornada de reflexión.
Mentres en Cataluña continúa a Volta, onde o Karpin Galicia está a loitar por situar os seus corredores entre os dez mellores, en Galiza dende a sexta até domingo cada vila ten a súa propia competición.
Billarda: o campión nacional coñecerase na xornada de reflexión
O Zidane da billarda, Ismael, do Cornería Team, enfróntase na noitiña do sábado aos dous palanadores mellor clasificados na LNB, por detrás del: Vicente, da equipa Safari e Foro, dos Tronos. O torneo de clausura, do que sairá o campión nacional, celébrase no pavillón de Celeiro de Mariñaos, no concello lucense de Barreiros, por volta das nove da noite.
David, o campionísimo galego de billarda do ano pasado entregaralle en persoa ao novo campión o trofeo, coma se dunha ensaladeira de Wimbledon se tratase.
Despois do torneo, hai festa rachada até que abran os colexios electorais, segundo prometen dende O Varal, a asociación creadora da Liga Nacional de Billarda.
Xogos tradicionais: os pequenos aprenden a xogar á chave, ás bólas... en Ourense
Dende as 10 da mañá até as 6 da tarde do sábado, centos de pequenos e pequenas de toda Galiza hanse xuntar para xogar aos xogos de sempre. O encontro celébrase en Pereiro de Aguiar (Ourense) e nel todo mundo poderá xogar á Porca, o Gato e o Rato, A Zoadeira, Pase-Misí, Carreira de Sacos, A Turra-soga, A Rá, a Zorregada co cinto, As Lombas, O Brilé... Será a terceira edición do Encontro Escolar Galego de Xogos Tradicionais.
Suf: campionato Luso-Galego por primeira vez na casa
No surf destaca o Campionato Luso-Galaico + Euskadi, que se celebra por primeira vez en Galiza, na Praia de Patos, en Nigrán. Nel compiten os mellores surfeiros das federacións galega e portuguesa, ademais dos mellores surfeiros vascos, que este ano son os convidados.
Slalom: o campionato estatal celébrase en Vigo
O sábado e mailo domingo os mellores deportistas de slalom -unha modalidade na que compiten aquelas persoas que sofren parálise cerebral ou lesión cerebral- daranse cita no pavillón de Bouzas para competir no 19º Campionato Estatal de Slalom e o 2º Open Internacional.
Atletismo: os máis pequenos corren en Compostela
O sábado en Compostela celébrase o Campionato Galego Infantil de Atletismo -individual e por equipos- da Competición deportiva en idade escolar.
Vólei Praia: sete camións de area para o campionato noiés
Ademais, xa dende a sexta feira os mellores xogadores de Vólei Praia están en Noia, disputando o II Máster Vólei-Praia Noia 2007, para cuxa celebración o concello xuntou uns sete camións de area. Todos os partidos son paseo marítimo, a partir das oito da tarde, e serán comentados por un spiker profesional, segundo informa a organización.
Taekwondo: unha copa por Deputación
O sábado tamén se celebran as Copas das Deputacións da Coruña, Ourense e Pontevedra -a de Lugo foi o pasado 12 de maio- de taekwondo. Na Coruña -no pavillón de Oza dos Ríos- hai inscritos uns 200 participantes; en Pontevedra, uns 900, no pavillón universitario de Vigo; e en Ourense hai uns 170 participantes, que se han xuntar n'O carballiño. hai xente inscrita dende os tres até os setenta anos, e todos eles han recibir un agasallo pola súa participación.
Nabeira08: recuperando a tradicción marítima en Vilagarcía
Na vila arousá recalará o domingo a última das actividades que propoñemos: Nabeira08, unha outra cita importante do calendario galego que abrangue diversas actividades, como exposicións de embarcacións tradicionais galegas, actividades no mar -navegación, visita a embarcacións tradicionais...- e actividades na terra -xogos, obradoiros mariñeiros... Un proxecto que pretende mergullar os galegos e galegas na arqueoloxía, na economía, na arte e nos oficios do mar e da ribeira en Galiza.