Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Continúa a loita polo dereito á terra e á saúde nas Encrobas e na Lousa

Esíxenlle á Xunta un compromiso "firme" ante a contaminación de Limeisa

A asociación ecoloxista Adega pídelle á Xunta que non siga a ser "condescendente coa actitude prepotente e insolidaria da empresa”.

Redacción - 10:30 14/04/2007
Central térmica de Meirama e mina de Limeisa ao fondo / Foto: CIG

Central térmica de Meirama e mina de Limeisa ao fondo / Foto: CIG

Adega fixo público este venres un comunicado no que lembra a contaminación que provoca a actividade empresarial de Lignitos de Meirama S.A., Limeisa, nos lugares de A Lousa e As Encrobas. Nel, esíxenlle as administracións unha intervención "urxente e decidida" para obrigar á empresa a cumprir cos seus deberes ambientais.

“Non se pode tolerar por máis tempo que ante as múltiples evidencias de que a actividade de Limeisa está a poñer en risco a saúde humana e ambiental, a Xunta siga sendo condescendente coa actitude prepotente e insolidaria da empresa”, aseguran desde a asociación.

Segundo Adega, os veciños e veciñas da Lousa sofren as consecuencias das continuas emisións á atmosfera do po de carbón provinte do parque de almacenamento que a empresa posúe no municipio, situado a poucos metros das vivendas. Os ecoloxistas sinalan que as características deste parque permiten que miles de quilos de partículas sexan transportadas polo vento o que provoca graves problemas de saúde nos veciños, ademais dunha forte degradación ambiental.

Denuncian tamén que as medidas anticontaminación postas en marcha pola empresa son ineficientes e consideran que esta se nega “sistematicamente a asumir as súas responsabilidades ambientais” e a suprimir definitivamente os vertidos neste recinto aberto. Ademais, Adega sinala que nos últimos tempos outra substancia, probabelmente sulfato cálcico, sae da cheminea da central, o que provoca unha choiva “como neve sobre todo o lugar”.

É por iso polo que desde Adega pídeselle á Xunta un compromiso “máis decidido e firme” en defensa da saúde e dun medio ambiente san, xa que “calquera actividade industrial debe respectar estes dereitos, procurando minimizar o risco para as persoas e o medio, tomando para elo as medidas precisas”. Neste sentido lembran que “o custo destas medidas debe estar incluído nos custos de produción", xa que “non pode ser asumíbel que ningunha empresa, e menos Limeisa, pretenda privatizar os beneficios e socializar só os impactos”.

A asociación non descarta poñer este caso en coñecemento da Fiscalía Especial de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, para que inste á apertura dun procedemento penal “por presunto delito continuado contra o medio ambiente e a saúde pública”.


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: