Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
UN FITO DO AGRARISMO QUE CUMPRE 30 ANOS

Cando a historia das Encrobas se comezou a escribir nos xornais

A historia das Encrobas, unha pequena parroquia do municipio de Cerceda, comezou a escribirse nos xornais en 1974. Neses anos o Consello de Ministros, presidido polo xeneral Franco, autorizaba a expropiación de boa parte da parroquia en beneficio de Fenosa, o terreo afectado chegaba ás 850 hectáreas. Baixo o val das Encrobas había un inmenso xacemento de lignito.

- 17:42 14/02/2007
Tags:

Meses antes desta decisión política, o empresario larachés Epifanio Campo, dono da coñecida empresa Cerámicas Campo, vendíalle os dereitos da futura mina á empresa eléctrica por 900 millóns de pesetas daquel tempo. Fenosa investiu máis de 18.500 millóns de pesetas para pór en marcha a mina e maila Central Térmica de Meirama.

Os problemas comezaron cando a eléctrica lles ofreceu aos veciños uns prezos moi baixos polas súas terras. A maioría dos encrobeses rexeitaron a oferta da empresa e esixiron un traslado de poboación a outras terras similares. A empresa pechouse ás peticións veciñais e comezou o conflito. Unha loita de David contra Goliat que tivo o seu eco incluso en televisións e xornais de toda Europa.

O crego das Encrobas
O sindicato nacionalista Comisións Labregas comeza a organizar o loita veciñal. Os veciños liderados polo crego da próxima parroquia de Sésamo (Culleredo) Moncho Valcarce principiaban unha loita case épica. Do conflito, Moncho Valcarce sairía bautizado para sempre coma "o crego das Encrobas". En agosto de 1976 preto de 400 labregos da zona das Encrobas saen cara á Coruña para protestaren diante do Goberno Civil. Á manifestación sumáronse solidariamente máis de 5.000 veciños da cidade herculina. A concentración remata cunha forte carga policial.

O 15 de febreiro de 1977 foi un día clave para a historia da pequena parroquia. Preto de douscentos gardas civís chegados de cuarteis de toda a provincia avanzan cara as terras para cumprir o requisito expropiatorio. No bico do monte, en Pau Rañou, agardaban un cento de labregos, a maioría mulleres, encabezados por Moncho Valcarce. A consigna era clara, os homes debían quedar na casa para evitar que a xornada rematara dramaticamente. O oficial que comandaba as forzas policías, vendo que os veciños estaban desarmados, ordenou descargar os mosquetóns.

Un fito do agrarismo
A media mañá os números da Garda Civil avanzan e comeza unha loita desigual que acaba durando catro horas. Logo de violentos enfrontamentos, os gardas prenden a once manifestantes, entre eles a Moncho Valcarce, que xunto con outros dous veciños permanece tres días na cadea. Mentres tanto, unha vaga de solidariedade percorre o país. As facultades, os institutos e as empresas comezan a facer paros en apoio dos expropiados das Encrobas. Os xornais de todo o Estado levan o conflito aos seus titulares. Unha frase célebre popularízase por toda Galiza en forma de pintadas: "A terra é nosa e non de Fenosa".

Logo de moitas reticencias, a empresa acepta negociar cos labregos un 25 de febreiro. Os acordos finais foron moito máis beneficiosos economicamente para os propietarios ca o que se ofrecía nun primeiro momento. Porén, o nome das Encrobas quedou gravado na historia galega do século XX como unha das maiores loitas agraristas dende as que comandara Basilio Álvarez, aquel outro famoso crego de Beiro.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: