"Pídolle ao señor Blair non os xulgue por recoñeceren a verdade", sinalou o presidente iraniano, quen engadiu que os soldados serán liberados por ter admitido a violación territorial.
O presidente de Irán, Mahmoud Ahmadinejad, anunciou que os quince mariños británicos detidos no Golfo Pérsico serán ceibados. Volveu insistir na culpabilidade dos soldados ao invadiren as augas iranianas, mais dixo que serían liberados como "regalo ao pobo do Reino Unido".
Ahmadinejad fixo estas manifestacións nunha conferencia de prensa, na que tamén condecorou aos militares que detiveron aos quince soldados británicos. Este dixo que os mariños serán liberados inmediatamente, e levados a un aeroporto. "Estarán ceibos logo deste acto", dixo.
"Cavile sobre a xustiza"
"Prégolle ao señor Blair que non os xulgue por recoñeceren ter entrado en augas iranianas", dixo, e engadiu que "en troques de ocupar outros países, pídolle ao señor Blair que cavile sobre a xustiza e a verdade, e que traballe máis polos seus cidadáns e menos para si mesmo".