O ministro de Asuntos Exteriores iraniano di que as sancións van máis alá dos obxectivos do seu programa nuclear e asegura que non farán cambiar a actitude do seu goberno.
O Consello de Seguridade de Nacións Unidas aprobou este sábado unha batería de sancións contra Irán por incumprir as esixencias internacionais no referido ao enriquecemento de uranio que está a desenvolver a república islámica.
A resolución, aprobada por unanimidade, esixe que Irán suspenda as súas actividades nucleares e estabelece 60 días como prazo antes de impoñer novas sancións.
Despois de coñecer a resolución, o ministro de exteriores iraniano, Manuchehr Mottaki, criticou ante o consello as “coercións” que están a recibir os membros deste organismo para a adopción da resolución.
Segundo Mottaki, “para dar aparencia de lexitimidade á confabulación, os investigadores da resolución primeiro manipularon o Organismo Internacional da Enerxía Atómica e logo aproveitaron a súa influencia económica e política para presionar o Consello de Seguridade”.