Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Municipais 07

Ferrol: A maldición da Praza de España

O vindeiro 4 de xullo cúmprense cinco anos da desaparición de dous ilustres cidadáns de Ferrol, que durante case corenta anos habitaron a céntrica e arborada Praza de España.

Fernando Arrizado - 09:20 18/05/2007
Trátase, como xa todos os lectores se decatarían, dos que a rexouba popular coñece como "o cabalo e o burro" que -un encol do outro e en forma de estatua de bronce- dábanlle a benvida aos visitantes da que un día fora a vila máis poboada de toda Galiza, e que aínda é -malia o seu desleixamento e falta de vitalidade dos últimos anos- unha das máis belidas e con maior potencial económico do país.

É precisamente ese potencial económico o que máis portadas dos xornais ten ocupado nos últimos meses. Ferrol, ao igual ca o resto de cidades galegas, non se pode entender como un concello pechado en si mesmo, senón como o núcleo dun ente comarcal maior. Dende Valdoviño a Pontedeume, pasando por Fene, Mugardos ou Narón, Ferrol foi e segue a ser -polo menos espiritualmente- o centro da actividade industrial e empresarial da comarca.

Xa que logo, cando se fala da planta mugardesa de Reganosa ou dos estaleiros de Navantia-Fene, non se pode obviar o impacto directo e indirecto que provocan nos residentes -censados ou non- do veciño Ferrol. Non é de estrañar, pois, que na campaña electoral cara ás eleccións municipais do 27 de maio, os candidatos á alcaldía aborden temas, como os dous anteriormente citados, que exceden as fronteiras do seu territorio.

Así, no caso de Astano, os partidos ferroláns tamén acoden aos comicios con cadansúas diferentes propostas; mentres, por exemplo, dende o BNG se defende a volta á construción naval civil, dende o PSdeG se avoga por pasar páxina e ir á procura da diversificación industrial, e dende PPdeG e Independentes por Ferrol, IF, lémbrase que eles xa defenderan hai anos a privatización dos estaleiros. Ou, no caso de Reganosa, salienta o compromiso de Esquerda Unida, EU, coa retirada da planta da ría.

Desemprego na mocidade

De calquera xeito, no que si coinciden todos os candidatos, tanto pola esquerda como pola dereita, é no diagnóstico da doenza: a falta de emprego e de futuro laboral da mocidade na bisbarra.

Polas rúas da cidade, dende a Praza de España aos Cantón de Molíns, polo barrio da Magdalena cara ao porto, pasando pola Praza de Amboaxe e o Ferrol Vello pasean ducias de xubilados cada día, como hai un lustro en procesión pasearon por derradeira vez -Deus mediante- burro e cabalo xubilados cara ao Museo Naval de Bazán. Nin rastro de mozos e mozas traballadores -como se dunha maldición equina se tratase-, que só volven por vacacións de Nadal e de Semana Santa.

Remodelación da Praza de España

E é que esa estatua está maldita e non ten acougo nin 'remorta'. Ao ex alcalde nacionalista Xaime Bello, primeiro da democracia que ousou domar burro e cabalo, custoulle o posto. O que semellaba unha simple remodelación da Praza de España converteuse nunha obra faraónica que a día de hoxe aínda non está rematada, e o feito nestes últimos catro anos, como as rampas subterráneas de entrada e de saída, ten unha calidade máis que cuestionábel. Ademais, coa estatua, alá foron máis dunha ducia de árbores centenarias que simbolicamente serviron de materia prima para o cadaleito dos equinos.

A cidadanía ferrolá castigou o despropósito e chimpou do concello ao goberno de coalición progresista para pór outro conservador, o formado polos populares de Xoán Juncal, o alcalde, e os independentes de Xoán Fernández, un clásico da política nacional. Non lle agoiran bos resultados as enquisas ao dúo 'pekenike' dos Xoáns ferroláns, que perderían o poder en favor do tripartito formado polo PSdeG de Vicente Irisarri, ex presidente de Portos de Galiza e impulsor do Pantín Classic, polo BNG de Xoán Xosé Pita, un candidato de perfil baixo, e por EU, da súa novísima coordinadora nacional, Yolanda Díaz.

Urbanismo e especulación

De se cumpriren os prognósticos da última enquisa de Sondaxe, o PSdeG conseguiría oito concelleiros, catro máis que en 2003; o PPdeG perdería un dos sete con que conta actualmente; tamén dous deixarían polo camiño IF e BNG, ficando ambos con catro; e, por último, EU pasaría de dous a tres representantes. A caída de Juncal e Fernández volvería estar relacionada, ao igual que a de Xaime Bello, coa mala xestión das obras de remodelación da "maldita" Praza de España.

Mais tamén pola Praza de Sartaña, e polo barrio de Reicimil, e pola Fraga de Menáncaro, e polo Cha de Brión, e polos veciños da Rúa Insua de Canido, e polo polígono industrial de Leixa ..., exemplos de presuntas irregularidades urbanísticas e de especulación do Concello de Ferrol nestes últimos catro anos, segundo veñen denunciando numerosas asociacións veciñais e colectivos da cidade, agrupados na Plataforma Ártabra 21.

Porén, o máis paradigmático segue a ser o primeiro dos casos. Nos últimos meses, milleiros de cidadáns concentráronse en varias ocasións para protestar pola construción dun edificio de oficinas, de 21 metros de altura e 7.500 metros cadrados, con centro comercial incluído, no centro da Praza de España, alí onde durante corenta anos moraron cabalo e burro da mala sorte. Ás manifestacións adheríronse tamén sindicatos e os partidos políticos na oposición: BNG, PSdeG e EU.

Falta de infraestruturas

Mais, como non todo vai ser desencontro, as cinco forzas políticas con representación no Concello de Ferrol presentan diversas propostas coincidentes. Así, esixen a finalización do porto exterior, e a súa axeitada conexión ferroviaria e por estrada, así como tamén a chegada da autovía Transcantábrica e dos AVEs da Meseta e de Bilbao (que no seu día foran incluídos no mítico Plan Galicia).

Algunhas outras propostas prioritarias son, por exemplo, o fomento do sector turístico (Irisarri) ou o cumprimento de criterios ecolóxicos na execución das obras (Yolanda Díaz). Pola súa banda, Xoán Xosé Pita, ademais do seu plan de recuperación comarcal, promete a retirada do monumento aos caídos da Praza de Amboaxe, mentres que Juncal e Fernández, a construción neste lugar doutro aparcadoiro soterrado. Agardemos que dentro de catro anos ninguén teña que escribir "Ferrol: a maldición da Praza de Amboaxe".

A volta

Ferrol, cidade senlleira da nación galega e motor económico do país durante moitos anos merece un futuro mellor ca o presente actual. As vindeiras eleccións poden ser un primeiro chanzo na súa recuperación, mais o continuo abandono das administracións supramunicipais e o seu uso como moeda de cambio na Unión Europea debe provocar a reacción da cidadanía para evitar que Nunca Máis se lles ignore.

A volta

A precaria situación económica das arcas municipais ben merece unha investigación sobre a xestión económica do concello nestes últimos anos, sobre todo no referente ao urbanismo e aos criterios de concesión de obras, así como pedirlle contas aquelas construtoras que fixeron mal o seu traballo. O rexurdimento é imposíbel se se arrastran taras do pasado.

A volta

Cómpre coidar da riqueza ambiental e paisaxística de Ferrol, concello que conserva algunhas das praias máis salvaxes e menos explotadas de Galiza. Malia o que poidan pensar moitos, na Malata ou nas Pías non ule a mar. A cidade, a día de hoxe, aínda non conta cunha depuradora que limpe os residuos que van parar á ría.

5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Resultados nas pasadas eleccións en Ferrol
Resultados nas pasadas eleccións en Ferrol
Xoán Juncal, co cantante do grupo Los Limones
Xoán Juncal, co cantante do grupo Los Limones
Xoán Fernández
Xoán Fernández
Xoán Xosé Pita
Xoán Xosé Pita
Vicente Irisarri
Vicente Irisarri
Yolanda Díaz
Yolanda Díaz