Consideran que é un atentado ecolóxico e un delito de prevaricación, por estar implicado o tenente de alcalde na operación.
O Concello de Ferrol aprobou o venres á mañá o proxecto de urbanización da Fraga de Menáncaro, cos únicos votos do goberno local, formado polo Partido Popular e Independentes por Ferrol. O resto dos grupos políticos saíu do pleno cando se lle impediu asistir á sesión a un grupo de veciños.
O xoves, os membros da Comunidade Menáncaro e mais as organizacións ecoloxistas Adega, SGHN e Verdegaia acordaron condenar o previsíbel acordo plenario por consideralo un atentado ecolóxico e un delito penal por prevaricación.
Os veciños critican, entre outros aspectos, o feito de que o tenente de alcalde do Concello, Juan Fernández, sexa o principal promotor da urbanización do contorno natural. Por este motivo, o líder de Independentes por Ferrol non participou na votación do pleno, por estar directamente implicado na operación.
A comunidade demanda que se estabeleza unha figura de protección total para a fraga de Menáncaro, polo seu interese natural, científico, cultural e paisaxístico. A entidade veciñal anunciou que contactará coa Xunta, cos xulgados, coa fiscalía de Medio Ambiente e cos grupos da oposición municipal para tentar revogar o proxecto de urbanización da zona. A comunidade reunirase de novo o luns 23 no Ateneo Ferrolán.
A Sociedade Galega de Historia Natural e Adega fixeron este vídeo sobre a fraga: